Estela Rodríguez, de A Banda da Loba: “Non poñemos cancelas á hora de musicar, se algo nos inspira alá imos”

“Despois de parar un ano de tocar, que non de crear, a banda é un pouco máis madura”, di a integrante de A Banda da Loba

Entrevista a Estela Rodríguez, de A Banda da Loba. | Gonzalo Pamies

Estela Rodríguez (Gondomar, 1987) é mestra de música e integrante da Banda da Loba con Andrea Porto, ao baixo; Marcela Porto, na percusión; Xiana Lastra, a vocalista e Iria de Cabo, á guitarra. Responsable do violín e dos teclados, chegou a formar parte do grupo despois de pasar pola Clásica de Vigo, a Sinfónica de Pontevedra, Orquestra Xove, a Sinfónica de Galicia, Vigo 430 ou por L´Ochestre Baroque. Cun novo disco no mercado, “Lovismo”, visitou o set de Atlántico TV para presentar o que é o quinto traballo da Banda da Loba.

“Lovismo” son once temas moi variados, pero o máis curioso é esa ponte que tende entre Rosalía e Bob Dylan. Onde está o vencello?

Sempre tiramos un pouco pola poesía, porque gustamos moito ler, indagar e adaptar as letras. Xusto con Rosalía de Castro pasou co poema de “Un pelouduro que roda”. Víñanos moi ben porque é un poema que fala de desexo e do pracer. Fíxonos moita gracia vinculalo a ese pelouduro rodante de Bob Dylan con “Like a rolling stone”. Fíxemos un xogo de palabras que nos apetece sempre, e pois iso, tanteamos un pouco. 

Tamén están presentes neste disco versos de Olga Novo. 

Cun poemario de Olga, de “Nós nus”, fíxemos unha canción que tamén é do desexo feminino e convertémola nunha bachata. Soaba a ese estilo que tiramos de aí, sobre todo a Andrea, a quen lle encanta ese poemario. Fusionáronse tódolos astros, e conseguimos facer unha bachata con ese poema. Amais foi unha colaboración con De Vacas, que era tamén outra causa que queríamos facer e temos moita ilusión. 

Precisamente De Vacas participará na presentación oficial, non? 

Si, o 1 de febreiro estrearemos na Capitol en Santiago e van estar De vacas. Tamén actuará Tomé Mourinho, de De Ninghures, tocando nun tema que se chama “Cruel filosofía” de Luisa Villalta. E despois imos ter unha sección de eventos, que era algo que tiñamos pendente tamén de meter. Interpretaremos outra canción con letra tamén de Villalta, “E o mar”, xunto co “Pelouro que roda” de Rosalía. No CD incluímos outra canción, “Os olliños”, na que colaborou Terrae, que por loxística non poderá estar no Capitol. 

As poetas galegas están moi presentes na súa discografía, incluso todo un cd con letras de Xela Arias, “Hasme oír”. Que lles chama da poesía? 

Moitas veces collemos poemas que nos inspiran pola temática, despois imos xogando un pouco a ver que estilo lle pode pegar, porque sempre estamos a servizo da canción. A todas nos gusta moito a música, non poñemos cancelas á hora de musicar. Se algo nos inspira certo estilo, unha canción ou unha letra, pois alá imos a por todas. Funcionamos un pouco así. Outras veces vai ao revés, que temos unha idea de melodía e atopamos algo dun libro como pasa no tema de “Amigas”.

“Fábrica de Luz”, en 2021, foi a consolidación da Banda da Loba. Que implica este quinto disco?

Estamos nunha situación de transformación. Hai algúns cambios a nivel técnico, de instrumentacións. Temos unha nova guitarrista, Iria que substitúe a Inés, que tamén cambia un pouco que as ideas musicais. Creemos que despois de parar un ano de tocar, que non de crear, porque sempre estabamos traballando nas nosas casas, a banda é un pouco máis madura, transformada. Nós estamos moi contentas co resultado e creemos que vai ter moi boa acollida a nivel xeral. 

O un de febreiro será a presentación do novo disco en Santiago e para cando en Vigo? 

Temos unha data, o 8 de marzo no Mar de Vigo, ás 21 horas. As entradas xa están á venda en teuticket. Aínda estamos configurando a xira de presentación e o cartel estará en nada. En breve, teremos como a xira polas catro provincias.

Contenido patrocinado

stats