A ponte medieval de Ponte Sampaio estrea iluminación

A construción por onde pasa o Camiño Portugués conta con 56 luminarias LED respetuosas cos elementos patrimoniais. A Xunta está a executar as beirarrúas, que rematarán o vindeiro ano

Martínez Allegue, Fernández Lores e Manuel Lourenzo, xunto a outras autoridades fronte á ponte de Ponte Sampaio.
Martínez Allegue, Fernández Lores e Manuel Lourenzo, xunto a outras autoridades fronte á ponte de Ponte Sampaio. | D.P.

A ponte medieval de Ponte Sampaio, que conecta Pontevedra e Soutomaior, seguindo a estrada autonómica PO-264, estrea alumeado que contribúe a renovar o seu aspecto e a mellorar a seguridade de peóns e condutores.

O novo alumeado esténdese polo peitoril e o exterior da construción con máis de medio centenar de luces LED. Concretamente, dispuxéronse 20 luminarias LED nos tallamares, encaixadas no peitoril de pedra; e tamén, iluminación ornamental, con 36 proxectores. Esta iluminación forma parte da obra de posta en valor da ponte que está a acometer a Xunta, cun investimento de 500.000 euros.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou onte a ponte e asegurou que o remate integral prevése para a vindeira primavera. Nesta intervención, inclúense labores de conservación, renovación de pavimentos, a substitución dunha varanda, zonas de axardinamento e a limpeza de paramentos exteriores da ponte.

| I.L.

Os traballos avanzan a bo ritmo, restando por rematar o adoquinado, a colocación de lousas dun lado da ponte e o aglomerado dun tramo da travesía do lado de Pontevedra.

A conselleira subliñou que “tanto o alumeado como a intervención en xeral foron deseñados coa máxima exixencia e coidado, e co selo de ‘Galicia Calidade’”. Martínez Allegue fixo fincapé “na importancia desta actuación sobre un lugar de paso da veciñanza, pero tamén de milleiros de peregrinos, que cada ano cruzan cara a Santiago, seguindo o Camiño Portugués”.

A obra foi adxudicada á construtora E.C. Casas no mes de abril e na visita de onte, os alcaldes de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, e de Soutomaior, Manuel Lourenzo, mostráronse satisfeitos polo resultado.

Lourenzo amosou a súa colaboración para que este tipo de proxectos poidan saír adiante, mentres que Lores resaltou a importancia que ten porque “a ponte é patrimonio de tódolos pontevedreses e galegos, e por aquí pasan preto de 200.000 persoas. Non me preocupa cando remate, senón a decisión de investir en obras imprescindibles”.

Iluminación lateral derecha
Iluminación lateral derecha | I.L.

Contenido patrocinado

stats