Luis López e Lores asinan un convenio por 2,5 millóns de euros

A Deputación destina ao Concello de Pontevedra o investimento que permitirá a substitución da iluminación da área nordeste

Rafa Domínguez, Luis López, Miguel A. Fernández Lores e César Mosquera no Pazo Provincial.
Rafa Domínguez, Luis López, Miguel A. Fernández Lores e César Mosquera no Pazo Provincial. | D.P.

O presidente da Deputación, Luis López, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asinaron onte os dous últimos convenios pendentes entre ambas institucións correspondentes ao ano 2025. Estes acordos, seguindo as palabras do rexedor, permiten completar o compromiso actual de 2,5 millóns de euros que a Deputación mantén coa cidade.

Fernández Lores destacou que as obras cubertas por estes convenios son “importantes e necesarias” e que xa se atopan, as dúas, en proceso de licitación. Os convenios asinados inclúen a mellora da rúa Luís Seoane, cun investimento de 348.000 euros e a substitución e mellora da iluminación da zona nordeste de Pontevedra correspondente aos barrios de Valdecorvos e A Parda. Este proxecto foi cualificado como o “o máis importante de mellora de infraestrutura lumínica na cidade”. O proxecto global ascende a 2,3 millóns de euros, dos cales a Deputación achega 1,6 millóns de euros neste acordo específico.

Luis López sinalou que “son dúas actuacións elixidas polo goberno municipal en base a súa autonomía local que financia a Deputación na súa maioría. Son feitos contables que certifican a liña de entendemento co Concello, que é o que nos piden os veciños”.

O acto de sinatura destes dous acordos tivo lugar no Pazo provincial e contou coa presenza tamén do vicepresidente Rafa Domínguez e o tenente de alcalde de Pontevedra e deputado provincial, César Mosquera. Luis López aproveitou para recordar que a institución provincial leva investidos en Pontevedra 30 millóns de euros en dous anos, o que supón un millón de euros ao mes, malia as críticas do goberno local polos orzamentos en determinados eidos que considera que merece a capital da provincia.

Sen embargo, durante a sinatura, a Deputación confirmou que os orzamentos provinciais do ano 2026 incluirán 300.000 euros para a gala dos Premios Feroz e outra de 100.000 euros para a final das Series Mundiais de Tríatlon.

Contenido patrocinado

stats