“Diagnosticamos 14 persoas con VIH ao ano, pero o problema é que moitos chegan tarde”
Hadrián Pernas, médico e coordinador da Unidade de Procesos Infecciosos do CHUP
Hadrián Pernas Pardavila é medico internista, especialista en VIH e coordinador da Unidade de Procesos Infecciosos do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHUP). O vindeiro 17 de decembro impartirá a charla-coloquio “Derribando mitos. Acabemos co estigma!”, sobre a SIDA na Casa da Luz.
Continúa habendo estigma co VIH?
Totalmente. O estigma é brutal en tódolos eidos. Por exemplo, no sanitario, onde a xente debería estar formada, moitas veces hai unha preocupación excesiva pola transmisión da infección do VIH en cousas coma poñer etiquetas na historia clínica, cando é unha infección coma outra calquera, na que tes que tomar as mesmas medidas de precaución que con calquera outra persoa. Dentro do sistema sanitario existe esa excesiva preocupación utilizando dobre guante, un feito que para os pacientes impacta, ou mesmo xente que non quere atender a esas persoas. Iso está aí, e despois está o estigma da responsabilidade porque, incluso dentro do sistema sanitario, parece que ti es responsable da infección, cando o VIH só se transmite por seme, fluídos vaxinais e sangue, nin por ouriños, nin tusendo, nin tocando, nin nada. A vía transmisora materno-infantil e das transfusións están erradicadas no noso entorno. É importante traballar o estigma no ámbito sanitario e no social. Igual que hai un armario do LGTBI, existe o armario do VIH porque saben que se falan segue habendo moita serofobia.
Cales con os tratamentos máis novos que se están aplicando na área sanitaria?
Mudou moito. Pasouse de 14 pastillas, que tiñan efectos adversos, a que se poida tomar só unha diaria, que inclúe dous ou tres medicamentos, moi ben tolerada, e que controla o virus. Isto provoca que en dous ou tres meses o VIH xa non se detecte en sangue. Esas persoas non van a ter nunca SIDA, que é a enfermidade que se desenvolve no tempo, malia que nós tentamos tamén quitarlle o peso do estigma ás persoas con esa enfermidade. Outras novidades dos tratamentos son os inxectables. Comezamos a administración de cabotegravir y rilpivirina no 2023, que son dous pinchazos cada dous meses. O efecto en sí mesmo non muda respecto á pastilla, pero as persoas viven con menos autoestigma e non teñen preocupación por perder un día de tomar a pastilla. O futuro son tratamentos inxectables cunhas frecuencias de administracións máis longas.
Cantas persoas están a ser atendidas por VIH na Unidade?
Temos en torno a 590 e estamos diagnosticando 14 infeccións de VIH ao ano. É unha cifra estable, pero a maior preocupación segue sendo que moitos dos diagnósticos chegan tarde. Son persoas que non se fan un test e detectámolos cando a enfermidade xa está aí, porque se desenvolven síntomas, que é a onde non queremos chegar. Por iso, é importante facerse unha proba de VIH algunha vez na túa vida, sobre todo se cres que tes risco. Eu recomendo facer un test na vida e, se es unha persoa que tes relacións sexuais de risco ou consumes drogas por vía inxectada, hai que facerse unha proba cada ano.
“Igual que hai un armario do LGTBI, existe o armario do VIH. Segue habendo serofobia”
Que outras patoloxías maioritarias trátanse na unidade actualmente?
O que máis vemos é a clamidia. Hai unha variante que veu cos movementos migratorios e que produce unha enfermidade máis grave, con úlceras rectais ou bubóns. Vemos que vai crecendo. Tamén detectamos un aumento da sífilis bastante exponencial, que mesmo chegou a duplicarse.
A que é debido?
Nós cremos que se debe por un cambio en condutas de risco. Cada vez úsase menos o preservativo e iso é fundamental, e se non o vas a usar, polo menos debes ser consciente do que estás facendo. Logo temos un aumento de cribados. Nos programas que temos actualmente de prevención de Enfermidades de Transmisión Sexual (ETS) en persoas con risco de VIH, inclúen probas cada tres meses e detectamos moita clamidia, gonorrea e sífilis asintomáticas.
Existe un maior índice de prevalencia de ETS en xente nova ou non é unha cuestión de idade?
Non hai só nesa franxa. Actualmente, estamos vendo ETS en tódalas idades, en mulleres, en homes heterosexuais… En tódolos perfís de persoas. Estamos detectando cambios de conductas sexuais en persoas de máis de 60 anos, que mudan a forma de relacionarse e de ter máis parellas, pero iso non é negativo. O negativo é saber cales son os teus riscos e reducilos. Temos a vacinación do VPH e sacamos a vacina que protexe do gonococo con moi bos resultados coa que somos pioneiros en Galicia, xunto co Reino Unido, e está reducindo ao 60% a transmisión da gonorrea. Acceder a estas vacunas cumplindo certos criterios diminúe moito a transmisión.
No referente ao VIH, ten previstas máis formacións na contorna da área sanitaria?
O ano pasado fixemos charlas en catro institutos e a semana que vén pedíronme que vaia a dar unha a Aldeas Infantís. Neste sentido, é certo que coma médico é complexo acceder. Por iso, fago un chamamento ás institucións, administracións e á saúde pública para falar de saúde sexual, porque xa non se trata dun estigma ligado ás ETS, é un estigma ligado á sexualidade. O obxectivo é que todos poidamos falar da sexualidade libremente de maneira que se che aparece algo, non te quedes en casa por non comentarllo a ninguén porque o que vai facer é que non controlemos as enfermidades, ademais de que contribúe ao benestar físico e psíquico.
Contenido patrocinado
También te puede interesar