A declaración de herdeiros de Castelao xa está no Arquivo Histórico Provincial

O vigués Pablo López, funcionario de auxilio xudicial, atopou o expediente reordenando fondos nun xulgado pontevedrés

Julio César Díaz, Adriana Álvarez, Pablo López e Carmen Luisa Corgo co expediente.
Julio César Díaz, Adriana Álvarez, Pablo López e Carmen Luisa Corgo co expediente. | Europa Press

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Pontevedra entregou onte o expediente de declaración de herdeiros de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao ao Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, que se encargará da súa conservación e custodia.

Os documentos foron localizados polo funcionario de auxilio xudicial, Pablo López Rivas, de Vigo, durante o proceso de reordenación de fondos antigos do Arquivo Xudicial de Xestión do Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Pontevedra o pasado agosto. No expediente figura un auto con data do 27 de abril de 1972 no que o xulgado declara únicas herdeiras ás dúas irmás de Castelao, Josefina e Joaquina Teresa, ao falecer o intelectual galeguista en Bos Aires o 7 de xaneiro de 1950 sen outorgar testamento.

Na demanda presentada polas dúas familiares no xulgado pontevedrés, alegaron que eran as súas únicas parentes naquel momento, pois o falecemento da viúva do seu irmán en 1969 provocou que cesase na percepción da entón denominada “cota viuval”.

A competencia territorial do xulgado de Pontevedra veu dada porque, segundo consta nos documentos, Castelao chegou á cidade en 1916, destinado ao Corpo Auxiliar de Estatística, e permaneceu nela ata o seu exilio, en 1936. E, ademais, Castelao sempre fixo pública a súa intención de que todo o seu permanecese na Boa Vila.

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Pontevedra, tras o achado do expediente, púxoo en coñecemento, tanto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) como do Arquivo Histórico Provincial, que, despois de analizar unha copia dixitalizada, manifestou a importancia do descubrimento.

Posteriormente, o Xulgado pontevedrés emitiu un acordo gobernativo polo que se acordou a transferencia dos documentos ao arquivo, “atendido o seu notorio interese histórico, social e cultural”. De feito, segundo consta na resolución, entre os seus fondos xa se encontran outros expedientes xudiciais antigos, polo que entende que reúne as condicións máis axeitadas para a conservación, custodia e investigación do expediente.

O documento consta de sete páxinas onde non figuran cales son os bens patrimoniais, posto que non aperecen nestes expedientes, pero sí se recollen as partidas de nacemento e defunción de Castelao e Virxinia Pereira, documentos identificativos das irmáns e, tamén, a testemuña de varios avogados pontevedreses dando conta da relación do escritor coa familia.

Acto solemne

Ao acto de entrega, ademais de Pablo López, asistiron o maxistrado titular do Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Pontevedra, Julio César Díaz Casales; a letrada da Administración de Xustiza do órgano, Adriana Álvarez Gorgojo; e a directora do Arquivo Histórico Provincial, Carmen Luisa Corgo Solleiro.

Carmen agradeceu “a sensibilidade mostrada polo órgano xudicial e pola letrada Adriana por considerar que este documento se tiña que conservar no Arquivo”, e explicou que se trata dun procedemento que segue o curso legal, ao igual que sucede con outras declaracións de herdeiros coa particularidade de que se trata dunha figura “moi relevante”.

O Arquivo Histórico Provincial é un organismo de titularidade estatal e xestión autonómica que conserva case 69.000 documentos, cuxos exemplares máis antigos datan do século XIV.

Pablo López: “Apareceu de casualidade entre 4.000 caixas”

Pablo López Rivas leva só un ano traballando como funcionario de auxilio xudicial no Xulgado de Instancia Número 1 de Pontevedra, lugar ao que foi destinado e no que leva a cabo unha das tarefas básicas e fundamentais: a ordenación de decenas de documentos e expedientes.

E así, fai pouco máis de dous meses atopou un documento que levaba o nome de Castelao. “Nun primeiro instante non pensei nel, porque pode haber outras ramas, pero non, comprobei que se trataba do Castelao que todos coñecemos”, explica. O achado “apareceu de casualidade entre as 4.000 caixas que ten este arquivo xudicial, o máis antigo de Pontevedra”, conta Pablo López.

“Aproveitamos o verán, en agosto, para facer a reordenación documental, posto que non hai xuízos, e isto foi o que pasou”. Coma se dunha “sinal” do intelectual galeguista se tratase, Pablo semella un mozo sensible, apaixonado da historia e literatura que explica que “cando estudaba en Madrid, levei comigo o libro ‘Sempre en Galiza’ coma unha referencia”.

Para este funcionario xudicial de Vigo “é unha sorte traballar nestes xulgados”, facendo un traballo invisible e fundamental para o bo funcionamento do sistema, tal e como recordou onte a propia letrada Adriana Álvarez.

Contenido patrocinado

stats