Opinión

DE SERRALVES Ó DOURO

Aproveitando estes días de imposible calor ourensán e de impertinentes néboas na costa, nada mellor que inaugurar o novo pagamento das autovías do País 'irmâo' para achegarse ata a cidade de Porto, pasando de largo da tan socorrida 'ikea', e disfrutar dos vinte e poucos graos de temperatura que refrescan o xa de por sí fresco e frondoso parque que engole o edificio que Álvaro Siza Vieira ideou para albergar coleccións de arte contemporánea no Museu Serralves. Non vou falar das obras do búlgaro Nedko Solakov ou da holandesa Marijke Van Warmerdam que están expostas ata outubro, porque confésolles perderme en moitas das propostas que, a través de video,fotografía ou escultura, nos propoñen algúns destes creadores, para os que un mutilado calamar de plástico pode ocupar vinte metros cadrados e ó que eu por moitas voltas que lle dou non consigo diferencialo do extintor que aparece colgado da parede; pero prometo seguir traballando fondamente na miña amplitude de miras en canto a arte conceptual se refire. Do que realmente disfrutei foi do conxunto arquitectónico e natural de Serralves, unha referencia de enorme valor de cara á sensibilización da sociedade para salvagardar o patrimonio paisaxístico portugués. E aínda que o museo posúe un restaurante con terraza de vistas privilexiadas sobre o Parque, preferín achegarme ata o corazón da Foz e compartir unha riquísima carne asada con traballadoras da entrañable praza de abastos que descubrín casualmente antes de baixar cara o mar a saborear un sofisticado café en tumbona 'chill-out' con música bossa nova interpretada en vivo que para sí quixeran as tan loadas postas de sol ibicencas do 'Café del Mar', e onde o prezo da consumición é máis barato que en moitas das terrazas céntricas das nosas cidades, co plus engadido de ter o Atlántico como telón de fondo.


Fago o percorrido cara á Baixa co fondo musical de 'Perdóname', a canción a medio camiño entre bolero e fado que xa constitúe todo un número un en Portugal da man de Pablo Alborán e Caminho, filla esta última da tamén fadista Teresa Siqueira e que leva cantando desde os 12 anos nos locáis de Lisboa. Penso que desde Julio Iglesias ningún cantante español conseguira cativar tanto ós nosos veciños como o está facendo este malagueño que irrumpíu no panorama musical cunha forza irresistible, vendendo máis discos ca ninguén e colleitando moitísimos premios. Non hai local de moda en Portugal que non poña unha e outra vez esta canción que causa auténtico furor, e que, como non, puiden disfrutar tomando un delicioso 'vintage' de Porto vendo como centos de turistas paseaban nas barcazas por debaixo das pontes que enlazan a cidade con Vila Nova de Gaia. Con esa fermosa paisaxe de fondo atópome cunha vella amiga de xuventude que cada verán chega desde Ermua ata terras alaricanas, pero que desta vez quixo dar a volta por Salamanca e Lisboa ante de subir cara ás beiras do Arnoia, e coincidimos en que Oporto lle está gañando a partida a Lisboa, xa que a pesares de crises inoportunas a capital do norte portugués está sorprendendo a propios e extraños en canto a deseño, recuperación urbanística e propostas culturáis; eu confésolles que non deixo pasar un mes sen deambular pola Avenida dos Aliados ou polos novas tendas que van abrindo as xentes máis novas que desexan cambiar a emigración por alternativas emprendedoras.


Entre tanto, e coma sempre, unhas cantas animadas 'crianças' disfrutan tirándose en picado ás augas do Douro.


Te puede interesar