Opinión

PREFERENTES TRAMPAS

Levántome cada día co son das bucinas dos afectados polas 'preferentes' bancarias, e agora mesmo, a media mañá, sigo coa mesma banda sonora; e lonxe de molestarme fai que sinta profunda solidariedade por quen está reivindicando o que é seu, e sobre todo por quen está denunciando, día si e día tamén, a desvergonza de quen utilizou a proximidade e a confianza para embarcar a centos de familias do noso entorno nun perigoso xogo coas cartas marcadas. Non teño nin idea de cantas desas persoas actuaron movidas pola obtención dun beneficio rápido con coñecemento de causa, pero estou convencido de que a maioría actuarían como o fariamos moitísimos outros se tiveramos a desgracia de toparnos cun director de sucursal desaprehensivo e sen escrúpulos que utilizando a confianza depositada neles polos clientes de toda a vida xogaron sucio e rastreiro, sabendo como sabían que ninguén de nós le a letra pequena de todo canto contrato firmamos, sexa do banco, da telefonía, dos seguros ou mesmo os de constitución das nosas hipotecas. Ben é certo que os que somos máis desconfiados e temos a premisa vital de querer durmir tranquilos non facemos moito caso das 'estupendas' ofertas que de ser todo o auténticas que pregonan estarían solicitadísimas pola maioría da poboación. Lembro perfectamente o día que un medio amigo me chamou para brindarme as marabillosas condicións en forma de intereses que podería acadar investindo en filatelia; non precisei consultar con ningún asesor, díxenlle ó momento que non estaba interesado, a pesar de que non dubidada nin dubido da integridade moral desta persoa, xa que el mesmo confiaba cegamente na solvencia da empresa, sendo tanto así que o pillou de cheo o afundimento da mesma deixándoo sen os aforros de toda unha vida. Pero dito isto, tamén respecto a todas as persoas aforradoras que tratan de sacarlle un mínimo rendemento ó fruto do seu traballo; e aí están a inmensa maioría destes afectados polas 'preferentes' que incansables saen diariamente á rúa para pedir que lles devolvan o seu diñeiro. Sobre eles escríbense ríos de tinta e mesmo hai quen lles recorda que se as cousas lles foran ben non terían devolto as ganancias. Seguramente entre todos estes afectados haberá casos e casos, e haberá tamén quen xogue co seu diñeiro como outros xogan na bolsa, no bingo, na lotería ou na especulación inmobiliaria; pero eu asegúrolles, por verlle a cara tódolos días, que o único que vexo é a un grupo de persoas que maioritariamente foron enganadas sen piedade e que merecen todo o noso apoio xa que calquera de nós podería estar no seu lugar. Mentres medio Vigo ou medio Ourense estivo na praia, eles estiveron abrasados polas moitas horas sufridas ó sol diante das sucursáis bancarias. Como descoñezo en profundidade todos os pasos que se están dando nas últimas horas para tratar de solucionar o problema limitareime a dicir que ogallá podan recuperar rápidamente os seus aforros, que me uno á súa indignación e que dunha vez por todas se establezan mecanismos para que as grandes empresas, non soamente as bancarias, deixen de tormarnos o pelo.


Alguén dirá que hai que espabilar e saber o que se firma e o que se fai en todo momento, pero eu asegúrolles que pertenzo a ese grupo de idiotas que aínda nos fiamos das persoas e dun apretón de mans; xa sei que nos tempos que corren ese é un acto temerario, pero algúns somos así e por iso estaremos sempre do lado dos afectados por estas e outras 'preferentes' trampas.


Te puede interesar