Opinión

IMPÁS ESTIVAL

Chegados a este punto do mes de agosto nunca sei se o que me pide o corpo é algunha ración máis de sol e piscina, porque eu non lle son moi de praia, ou volver a esa rutinaria normalidade de setembro onde todo volve estar no seu sitio. Claro que iso de estar no seu sitio era antes, naqueles tempos de antonte nos que sabías que chegadas estas datas comezabas un novo curso escolar ou unha nova tempada profesional; agora case ninguén sabe o que lle vai deparar, non xa o próximo ano, senón os próximos quince días; porque de súpeto podes amencer vendo como todo se foi ó garete, como che pecharon a túa empresa, desvalorizaron a tua oposición ou directamente como che aplicaron o de 'sálvese quen poida'. Nunca houbo tanto medo a setembro por estes lares, e digo por estes lares porque noutros lugares da terra o medo xa non existe desde hai tempo, soamente hai loita pola supervivencia todos e cada un dos dias do ano, e se non que llo pregunten ós 'Médicos do Mundo' ou a 'Amnistía Internacional', ou ós milleiros de voluntarios que dedican parte da súa vida a tratar de paliar os males dos que tiveron a desgraza de nacer no sitio equivocado; porque se nós estamos como estamos imaxinemos o que pode estar a acontecer nos Países que antes malvivían gracias as nosas míseras contribucións solidarias e que agoran ven como a ración de arroz desaparece porque o primeiro mundo ten que embuchar a unha insaciable prima que os ten secuestrados. E os que pasan directamente da parentela, non recoñecendo máis 'primos' que ós parvos de sempre, seguen coa conciencia moi tranquila, porque nunca tiveron que utilizala; a conciencia non cotiza en bolsa nin a piden de acreditación nas caixas fortes dos bancos suizos. A conciencia soamente a teñen aqueles que son quen de compartir algo do pouco que lle vai dando a vida; eses anónimos solidarios pertencentes á zorregada clase media que pouco a pouco vai desaparecendo mentres medra a pobreza e, como non, os que fan da súa vida un continuo amase de riqueza e poder. Eso que demos en chamar clase media, que neste ano tivo que reducir o seu agosto á mínima expresión e que o próximo igual xa nin pode expremelo, é a que realmente move a sociedade, é a que levanta realmente o País e é a que apurando os últimos días de sol e calamares á plancha mira de reollo o almanaque inexorable que lle vai apuntando un outono e un inverno incertos e previsiblente escuros. Porque está pasando o verán e aquí ninguén dí nin unha soa palabra de ánimo, o único que parece preocupar é a data das próximas eleccións, como se dun adianto ou dun retraso dependera a suba do pan ou a baixada das pensións; a tal inxenuidade xa non chegamos. Son tempos de tomarnos en serio e repectarnos, sen xogar cos nosos soños, o noso traballo, as nosas ilusións e a nosa vida. De caprichos absurdos e interesados xa estamos ata a coronilla; queremos que nos falen alto e claro; os que mandan que nos expliquen o por que das decisións e os que aspiran a mandar o por que do seu rexeitamento. Precisamos volver a crer en algo e en alguén, precisamos perder o medo e encarar o futuro con esperanza e con forza, custe o que custe, e se alguén ve que non está capacitado para ofrecer algo disto que se vaia ou que nin se lle ocurra poñerse na cola para subir no 'machito'. Non é momento de faroles nin de revanchismos, deso xa tivemos boa ración nos últimos tempos, é a hora dos que aman á súa terra, as súas xentes e dos que teñen algo serio que ofrecer.

Te puede interesar