Opinión

IMAXE IDÍLICA

Non, non se trata da típica posta de sol coas Cíes ó fondo, que ninguén dubida que é unha das imaxes más idílicas das tardes de verán no sur marítimo de Galicia; aínda que de mar vai tamén a cousa. Eran a imaxe perfecta da paz, do sosego e da tenrura. Pai e fillo sentados no borde do peirao con senllas canas de pescar; o neno dus cinco anos e o pai duns trinta e pico. Non me parecía o típico funcionario ou bancario coa tarde libre, daba máis ben a impresión de que o tempo de ocio lle viña dado por un estaleiro en horas baixas ou por unha empresa con ERE momentáneo; ata podería ser que ese tempo fronte ó mar solucionase a cea da noite.


Deixei a bicicleta no chan e sen pedir permiso entrei nas vidas de pai e fillo únicamente coa mirada. O neno podería ser calquera de nós por moitos anos que teñamos, como sacados dunha daquelas fotografías do 'Rizo' ou de 'Pacheco', dependendo de se foran feitas en Ourense ou en Vigo; pantalonciño curto, camiseta de raias, sandaliñas brancas e unha viseira sen propaganda, e por suposto un par de rabuñaduras con 'curocromo' nunha das pernas. Pai e fillo botaban a cana ó mesmo tempo, e o neno escoitaba cando o pai lle explicaba como se colocaba o anzol ou por que devolvía ó mar o peixe pequeno que picara a forza de soltar carrete. Tamén facían paréntese cada vez que se achegaba a porto un dos barcos que traen e levan pasaxeiros a Cangas ou Moaña, ós que o neno saudaba unha e outra vez. Algún dos pilotos decatándose da escea fixo soar a serea do catamarán e entón sí que pai e neno escacharon coa risa. Non había teléfonos móbiles, nin consolas, nin nada que lles impedise disfrutar dese preciado momento que era soamente para eles. No chan, ó carón do neno, estaban os restos do bocata da merenda que non deu acabado, non puiden saber de que estaba feito, pero desde logo era un bocata en toda regra traído da casa en papel de aluminio, non se trataba dun bolo prefabricado a base de graxa e colesterol. Non quedei moito tempo máis porque parecíame que estaba invadindo algo moi privado e precioso, nunha tarde deste verán tardío de setembro, na que aínda non empezara o cole e na que pai e fillo compartiron o máis importante que podían compartir, o seu tempo. Ese tempo que moitos de nós tamén tivemos a sorte de poder vivir e que non esqueceremos na vida.


Subín de novo na bicicleta con ganas de chegar á casa e poñerme diante do ordenador para contárvolo e para que o leades no medio de sabe Deus que malas noticias económicas, políticas ou mesmo crueles, como esa indecente e vergoñenta festa de interese turística que permite, cal circo romano, ver como uns despiadados gladiadores torturan a un touro no paroxismo da dor, e co beneplácito das leis municipáis, autonómicas e estatáis.


Ogallá que toda a mocedade que aparecía nas arrepiantes imaxes de Tordesillas, ofrecidas sen anestésia polas televisións, se dedicasen a facer algo máis proveitoso ou idílico, como o que facían na tarde da que lles falo ducias de parellas apostadas nos xardíns do Náutico vigués; iso que segue sendo gratis, saudable e divertido, comerse a bicos mentres o mundo pasaba ó seu arredor, deixando momentáneamente os WhatsApp ou os facebook, porque todo iso, por moito que se esforce a tecnoloxía, nunca poderá ter nin por asombro o efecto balsámico e pracenteiro que produce un simple roce de pel.


Sempre dixen que desde a bicicleta vese o mundo doutra maneira. Eu, por se acaso, lévoa case sempre no coche cal compañeira de fatigas.


Te puede interesar