Opinión

CARBURANTE CON BOCATA

O anuncio non deixa de ter coña e mesmo parece apropiado para os tempos que corren, podemos velo nalgunha das gasolineiras da provincia que ofrecen a posibilidade de adquirir un bocata a dous euros, salvo ibéricos, despois de deixar medio cheo o depósito do teu coche. Ata aquí todo normal e mesmo con apariencia de entender que en tempos de crise hai que botarlle imaxinación e un chisco de solidariedade. O que ocorre é que para conseguir dito bocata podes botar toda a tarde, xa que nese afán aforrativo que teñen algúns empresarios do gremio, o persoal que atende a barra queda reducido a unha única persoa, que por moito que se esforce, e dou fé de que se esforzaba moitísimo, non pode atender a demanda do importante número de viaxeiros e clientes propios desta época de veraneo e trashumancia.


Saben da miña teima de non repostar, sempre que é posible, nos establecementos que non xeran postos de traballo, un tipo de establecementos ós que se lles permite, por certo, saltar legalmente á toureira todo tipo de lexislación en materia de manipulación de productos perigosos; porque díganme vostedes se non é sumamente perigoso deixar nas mans de calquera demente unha mangueira que cun simple misto pode facer saltar polos aires os tanques, coches, cafetería ou hostal adxunto. Pero claro, debe ser que o negocio dos carburantes non é demasiado rendible como para ter que limitarse a contratar en pleno domingo de fináis de xullo a un traballador para que cobre na caixa e a unha traballadora para que atenda a barra da cafetería. Eu confésolles que hai cousas polas que non paso, e nalgún destes establecementos de autovía, nos que a parada é case obrigatoria e que teñen a ousadía de colocar un carteliño na mesa pedíndolle ós clientes que devolvan a bandexa ó carriño recolledor, teño deixado a miña rúbrica no mesmo cartel, con rotulador de tinta indeleble, pedindo que se deixen de cutrerías e contraten máis persoal; o mesmiño que lle diría ós propietarios das vampíricas autopistas de peaxe que, aumentando de xeito vergonzoso os xa de por si abusivos prezos, son quen de permitir colas quilométricas por non abrir unha cabina de cobro máis. Non me digan que non son ganas de provocar nuns momentos en que calquera simple misto pode prender o lume máis perigoso.


Podemos entender que as cousas están difíciles, que hai que arrimar o ombro, que aqueles que sempre protestaron e por detrás defradudaban á facenda pública terán que cambiar os seus hábitos se queren ser consecuentes coas súas protestas; pero o que non estamos dispostos é a pasar por determinadas tomaduras de pelo. Hai quen aproveitando o do río revolto quere facer a ganancia dos pescadores e esto, ademáis de ser inxusto, é inmoral, e pode ser que non tarde en chegar o día en que estas inmoralidades lles pasen factura a quen xoga con elas. Eu, por poñer un exemplo, non acabo de entender como levamos anos impasibles ante a suba contínua do prezo dos carburantes, cando o do petróleo ten baixado en multitude de ocasións; non están moi lonxanos os tempos nos que a suba dunhas pesetas provocaban pouco menos que a Revolta dos Irmandiños; agora atrácannos directamente e aquí non pasa nada, e por se fora pouco somos os clientes os que na maioría dos establecementos temos que pelexar coas díscolas mangueiras que sempre nos poñen perdidos. Pois saben o que lles digo, que non quero o bocata dos dous euros, prefiro que ese suposto aforro o empreguen para contratar un traballador.


Te puede interesar