Atlántico
Traballar por Galicia desde Vigo
Porque Galicia non é unicamente un territorio: Galicia é unha emoción, unha memoria e un vínculo que permanece sempre.
Somos galegos os que nacemos aquí, os que decidiron quedar e os que un día tiveron que marchar levando a morriña na maleta. Tamén o son todas aquelas persoas que chegaron procedentes doutros lugares, botaron raíces entre nós e fixeron desta terra a súa casa. Galicia é unha terra acolledora, solidaria e aberta, que abraza como unha nai e que non esquece a súa historia.
Galicia é verde, monte, mar, praia e campo. Cheira a salitre e a terra mollada. Soa a música e a poemas. Sabe a peixe, a marisco, a pan, a viño e a esa mesa xenerosa arredor da que compartimos a vida. É unha extraordinaria combinación de paisaxes, cultura e tradición, pero tamén de modernidade, innovación e vocación universal.
E Vigo reúne todas esas bondades. Vigo é Galicia e Vigo quere a toda Galicia.
Somos unha cidade nacida e desenvolvida ao carón do mar. O mar foi, é e seguirá sendo o noso viveiro de prosperidade, unha ponte de comunicación con outros pobos e nacións e unha parte esencial da nosa identidade. Desde o mar construímos unha cidade traballadora, emprendedora e valente, unha cidade que sempre soubo facer fronte ás dificultades e transformalas en oportunidades.
A forza do naval, da automoción, da pesca, da industria, da innovación e do turismo converte Vigo na economía máis puxante de Galicia e nunha das máis dinámicas de España. Sentimos a inmensa honra de ser a panca de crecemento da nosa comunidade e asumimos esa responsabilidade coa determinación de continuar avanzando.
Porque cando Vigo medra, medra Galicia. Cando Vigo crea emprego, desenvolve industria, atrae investimentos ou amplía a súa capacidade turística, toda Galicia se beneficia. A prosperidade da nosa comunidade está directamente vinculada á forza da súa primeira cidade, e por iso seguiremos defendendo o lugar que Vigo merece.
Facémolo desde un proxecto de cidade compartido. Un Vigo construído entre todas e todos, adaptado ás persoas e no que ninguén queda descolgado no camiño da dignidade e da prosperidade. Esa é a nosa forma de entender a acción pública: unha cidade que avanza, pero que avanza unida; unha cidade que crece economicamente ao tempo que reforza as súas políticas sociais.
Vigo transformouse de maneira extraordinaria durante os últimos anos. Hoxe presume de si mesma, das súas rúas, das súas prazas e dos seus espazos públicos. É unha cidade máis luminosa, aberta, accesible, verde e habitable. Unha cidade que se quere e que se respecta a si mesma.
As humanizacións, os parques, as zonas verdes, as ramplas, as escaleiras mecánicas e os ascensores do Vigo Vertical están cambiando a nosa forma de vivir e de desprazarnos. Desafiamos unha orografía complexa cun modelo de mobilidade accesible e sostible que xa é observado e recoñecido fóra das nosas fronteiras. O Halo simboliza esa capacidade de Vigo para converter os retos en grandes proxectos e para situarse á vangarda das cidades europeas.
Pero a transformación urbana non é simplemente unha cuestión estética. Buscamos a beleza, por suposto, mais sempre ao servizo das persoas. Cada actuación ten como obxectivo facilitar a vida diaria, recuperar espazos, reducir a contaminación, fomentar a convivencia e permitir que nenos, maiores e persoas con mobilidade reducida gocen da cidade en igualdade de condicións.
Ese modelo de cidade tamén explica que Vigo sexa xa un gran destino turístico durante todo o ano. O Nadal situounos ao nivel das grandes capitais, pero Vigo ofrece moito máis. Ofrece cultura, gastronomía, patrimonio, concertos, praias, natureza e as Illas Cíes, as illas dos deuses.
En Vigo, o verán é música en Castrelos, solpor nas Illas Cíes e paseos a carón da ría. É, en definitiva, unha forma de vivir e de compartir a cidade con quen nos visita.
Miramos ao futuro coas raíces sólidas, sabendo quen somos e de onde vimos. Queremos continuar liderando a modernización de Galicia, impulsando vivenda, industria, tecnoloxía, cultura, educación, deporte e políticas sociais. Queremos seguir creando unha cidade na que a innovación conviva coa tradición e na que o progreso económico vaia sempre acompañado de cohesión social.
E seguiremos reclamando as infraestruturas que Vigo necesita e ás que xa non estamos dispostos a renunciar: a conexión directa de alta velocidade con Madrid por Cerdedo, a saída sur ferroviaria e a nova autovía entre Vigo e O Porriño. Son proxectos irrenunciables para o futuro da cidade e, polo tanto, para o futuro de Galicia.
O 25 de xullo non é só unha data no calendario. É unha invitación a reafirmar a nosa galeguidade, a lembrar a nosa historia e a mirar cara adiante con ilusión. É a festa dos que viven nas cidades e no rural, dos que saen cada día ao mar, dos que traballan nas fábricas, dos que emprenden e arriscan, dos que investigan, ensinan, coidan, crean cultura ou practican deporte.
É a celebración dunha Galicia plural e diversa, pero unida por un mesmo sentimento.
Desde Vigo seguiremos traballando por esa Galicia de todas e de todos. Unha Galicia aberta, solidaria, moderna e orgullosa de si mesma. Porque Galicia cabe en Vigo e Vigo ocupa, por dereito propio, un lugar esencial en Galicia.
Viva Vigo e Viva Galicia!
Contenido patrocinado
También te puede interesar