O porvir do galego: compromiso cidadán e impulso político

Opinión.
Opinión. | Atlántico

Fai agora dous anos, na celebración do Día das Letras de 2024, o daquela presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, facía un chamamento a prol dun pacto político e social pola lingua galega, que foi moi positivamente acollido. Poucos meses máis tarde publicábase a enquisa sobre coñecemento e uso do galego realizada polo Instituto Galego de Estatística. Os seus datos subliñaban a urxencia dun tal pacto, ao evidenciar a aceleración da tendencia á substitución do noso idioma. Unha tendencia que está atinxindo niveis críticos, tanto polo descenso do número de falantes do galego canto pola mingua da competencia para falar e escribir a nosa lingua, especialmente acusados entre a poboación máis nova.

Moita xente pregúntase: está todo perdido? Rotundamente, non. Abundan os signos de que a sociedade galega é cada vez máis consciente tanto da gravidade da situación canto da urxencia de adoptarmos remedios eficaces para superala. Destacan polo seu impacto as alentadoras iniciativas que se levan desenvolvido en ámbitos como o ensino, o deporte, a publicidade, os medios de comunicación ou a empresa, mentres que a ninguén lle escapan as altas cotas de popularidade da produción musical en lingua galega. Xa que logo, temos motivos dabondo para confiar na actitude da cidadanía cara ao galego, máis positiva e máis proactiva ca nunca. Son millenta as persoas, asociacións, empresas, colectivos e institucións de todo tipo que están preguntándose: que podo facer eu —ou que podemos facer nós— a prol do galego?

Porén, a implicación da cidadanía non abonda para tornar o declive do noso idioma. A súa normalización alenta no compromiso cidadán, pero para acadar un pulo decisivo require un imprescindible impulso político. Existen fórmulas eficaces para reverter o seu devalar sen coutar liberdades nin mancar sentimentos. Propostas máis ou menos elaboradas, máis ou menos abranxentes, non faltan. Por citar dous exemplos, véxase, no ámbito institucional, o dossier Un país coa súa lingua, que elaborou o Foro participativo organizado polo Consello da Cultura Galega, ou, desde o ámbito do activismo, o protocolo Lingua vital xa!, impulsado pola plataforma Queremos Galego. E, naturalmente, esperamos moito do proceso de revisión do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega promovido pola Xunta de Galicia, que conta coa participación dun amplo abano de recoñecidos especialistas. O galego non pode seguir aferrollado no leito de Procusto das liortas partidistas, con uns pretendendo cortarlle as pernas e outros empeñados en estricarllas.

Para a nosa tarefa serve tamén de exemplo inspirador a traxectoria da protagonista das Letras Galegas 2026. Begoña Caamaño foi unha rapaza castelanfalante de Vigo, que por puro compromiso e por puro amor ao seu país se converteu en neofalante de galego, desenvolveu a súa carreira profesional na nosa lingua e empeñou todo o seu talento en crear unha obra literaria que brilla tamén pola súa extraordinaria calidade lingüística. Compromiso, coidado, benquerenza, agarimo: iso precisa o noso idioma.

Poderemos entre todos e todas atopar o fío de Ariadna que lle permita ao galego saír por fin do labirinto do Minotauro? Ou seguirá apreixado, ao xeito de Penélope, na angueira estéril de desteceren uns pola noite o que teceron outros polo día? Como veu facendo ata agora, a Real Academia Galega compromete todo o seu empeño, todo o seu saber e a súa mellor vontade en colaborar para superar o desafío.

* Presidente da Real Academia Galega

Contenido patrocinado

stats