Un pequeno punto no Atlántico que quere innovar a escala global

Publicado: 04 dic 2025 - 11:25

Opinión.
Opinión. | Atlántico

Que necesitaría o sur de Galicia para converterse nun dos clústeres de innovación máis importantes do mundo en 2035?

A pregunta non é retórica: o Global Innovation Index 2025–Ranking of the World’s Top 100 Innovation Clusters, publicado recentemente, ofrece unha referencia clara sobre que territorios lideran a innovación e que condicións deben darse para competir a nivel global.

O informe define os clústeres de innovación como áreas metropolitanas -ás veces mesmo transfronteirizas- onde conflúen universidades, centros de investigación, inventores, entidades intensivas en I+D e fondos de capital risco. Territorios que funcionan como auténticos ecosistemas capaces de transformar coñecemento en progreso económico.

En 2025, os clústeres avalíanse a partir de tres indicadores:

1. onde se xeran as patentes internacionais;

2. onde se producen as publicacións científicas;

3. onde se pechan as operacións de capital risco.

Combinadas, estas métricas permiten identificar as zonas do mundo con maior densidade de innovación. Os resultados son elocuentes: os 100 clústeres seleccionados concentran o 70% das solicitudes PCT (polas siglas en inglés de Tratado de Cooperación en materia de Patentes) globais, unha parte substancial do investimento mundial en capital risco e case a metade de todas as publicacións científicas.

Á cabeza sitúanse Shenzhen-Hong Kong-Guangzhou e Tokio-Yokohama, que xuntas xeran unha de cada cinco patentes presentadas en todo o planeta. En España, só Barcelona (posto 45) e Madrid (47) conseguen entrar neste ranking.

E se o Sur de Galicia estivese aí en 2035?

Imaxinemos por un momento que Vigo e a súa área de influencia, ou mesmo a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, figurasen como un dos clústeres do Global Innovation Index nun prazo dunha década. Que tería que ocorrer para fose posible? Cales son os retos que debemos afrontar desde agora?

1. O reto da dimensión

Nun mundo hipercompetitivo, un clúster non o é por decreto, senón por masa crítica. Necesitamos especialización intelixente e apostas selectivas que combinen ciencia, tecnoloxía e empresa en ámbitos onde poidamos ser relevantes a escala global: mobilidade sostible, enerxía renovable, alimentación saudable, lonxevidade… Escoller ben será tan importante como investir ben.

2. O reto da tracción empresarial

Ningún clúster avanza sen “locomotoras”. Shenzhen ten a Huawei, Oppo ou ZTE; Berlín a Fraunhofer-Gesellschaft ou Siemens; San José-San Francisco a Google ou Apple.

O sur de Galicia precisa que as súas empresas intensivas en I+D -automoción, TIC, alimentación, biotecnoloxía, aeroespacial, bens de equipo- exerzan ese papel tractor, impulsando provedores, start-ups, talento e actividade científica.

BorgWarner, Zendal, Hifas da Terra, Lonza Biologics, Alén Space, Marine Instruments… todas elas deben ser nós fortes de conexión cos centros tecnolóxicos e grupos de investigación públicos. E, como o talento chama ao talento, aparecerán novas spin-offs, novas start-ups e empresas doutros sectores que se converterán nas tractoras do futuro.

3. O reto da intelixencia artificial e a soberanía tecnolóxica

Non abonda con adoptar IA: debemos desenvolver capacidades propias, garantir acceso seguro a infraestruturas críticas, formar talento avanzado e aplicar a IA a sectores onde poidamos diferenciarnos. A Eurorrexión pode -e debe- converterse nun laboratorio transfronteirizo de IA aplicada á industria, á saúde ou á mobilidade.

4. O reto do cambio climático

As cidades e rexións que lideran a innovación serán tamén as que lideren a descarbonización. Enerxías renovables, economía circular, mobilidade con emisións cero, xestión avanzada da auga ou captura de carbono deben converterse en vantaxes competitivas, non só en obrigas regulatorias.

A sustentabilidade non pode ser unicamente unha materia de reporting: debe ser un eixo integrado en todas as políticas públicas e estratexias empresariais.

5. O reto da lonxevidade e da cohesión social

O envellecemento da poboación non é só un desafío: é unha oportunidade se somos capaces de converter a lonxevidade nun foco de innovación en saúde, biotecnoloxía, vivenda e tecnoloxías para os coidados. Todo isto desde un modelo inclusivo que non deixe a ninguén atrás.

Territorio de exploración

Dicía Carl Sagan no seu famoso Pale Blue Dot que, vista desde o espazo, a Terra non é máis que un punto azul pálido.

Desde esa perspectiva, Galicia é só un pequeno punto na costa atlántica. Mais, a vista de paxaro, é sobre todo un territorio con moito por imaxinar e por construír.

Porque a innovación non é un destino: é un proceso. E o proceso comeza agora.

Contenido patrocinado

stats