Opinión

Seguimos co Porto?

Hai uns días falabamos na nosa xuntanza, criticona ou non, pero sempre educadamente (aínda que fose poñendo a parir a quen o mereza segundo o noso criterio colectivo), falabamos, digo e sigo, da importancia do porto vigués, que pese a que se teñan feito obras importantes en outros lugares marítimos, segue a ser o máis productivo en todos os aspectos, e non me vou referir á pesca, ao transporte industrial turístico, pasaxes normais, e un longo etc., que é ben sabido.

Do que quero e seguir falando do que deixamos no aire (mellor dito: no mar), porque viñeron datas que precisaban ser comentadas ou traídas a coñecemento dos amigos tertulianos, que a eso estamos, non si?. e...

-Menos leria, oiga, -intervíu o Gorecho-; siga a contar todo aquelo que deixou na gorxa sobre o desenvolvemento do porto vigués; veña.

-Pois mirade: penso que deberiamos, aínda que sexa só nomear aos enxeñeiros que elevaron a efecto os proxectos claves: os señores García Arenal, Sancha, Ebrentz, etc. En fin; atentos a esta cifra da época da emigración galega e española: 743 trasatlánticos, no 1913, levaron ás américas 44.341 pasaxeiros e medraron as axencias consignatarias. Daquela Vigo tiña dous portos de pouca calidade: o comercial de ferro, e o da Laxe, de pedra, chamado o “transversal”. No 1922 un gran temporal de ventos furacanados lanzou dous buques contra os peiraos desfacéndoos. En fin; no 1963 Vigo recibiu mil millóns de pesetas. E o porto foi mellorando e os proxectos seguiron en obras definitivas. E seguirán porque Vigo sen os seus portos non será nada.

-Ou sexa que...

-Que pese a toda a problemática laboral e comercial (e política) de hoxendía, seguimos sendo, o noso porto, o líder en tráfico de mercancías xenerais. Ou máis claro: cos datos provisionais de hoxe: Vigo pasa de 3,5 millóns de toneladas de carga. E iso que non temos as axudas do Goberno. (Podemos dicir gobernos centrais, como gozan outras cidades galegas que obteñen abundantes axudas. Coido que non sexa necesario dicir cales. E non pensen no Ave: Non é de mar).

Te puede interesar