Opinión

Máis poetas femininas

EEstaban os de sempre nesa cafetería na que celebramos os conciliábulos (pacíficos, sen maldade alghunha, veña, ollo ao can), Gorecho, don Verísimo, don Victor e... todos.

E axiña o noso sabio tirou uns papeis do bolso e encetou a ler:

-Aquí tendes poetas galegas: Luz Pozo, Pura Vázquez, Xohana Torres, Mª do Carme Kruckenberg, Aurea Lorenzo Abeijón, Carme Prieto, Teresa Juega, Herminia Fariña, María Mariño, Esther Gallo Lamas, Helena de Carlos, Iolanda Zúñiga, Mª Xosé Queizán, Marta Dacosta, Mónica Bar... etcétera. Hai máis, moitas máis... Logo facemos unhas copias para cada un...

-Teño entendido que durante o franquismo, moitas calaron ou escribían para gardar. E que durante a guerra civil e despois tamén, houbo algunha que cantou ao Xeneralísimo “in excelsis”.

-É verdade. Entre elas Mercedes Viso Troncoso da que vos falei. Á cal chamárona Mechitas de Vigo. Non era que fose un xenio pero... Non estaba mal. Escoitade este soneto dedicado a Vigo, que publicou no álbume “Vigo en 1927”, de PPKO. Por certo, nese libro viña unha foto da bela dona Mercedes.

Aí volo deixo:

“ Cando Jacob en sonos mirou aquela escada/ qu’unha ringleira d’anxos por ela descendía/ oviu qu’unhas paraulas de cote repetía/ e todos a Oucidente dirixen a mirada./ Co-esa sorrisa tenra de quen ve a cousa amada,/ a coróa turba alegre ¡ salve Vigo ! decía,/ xardín do mundo quixo facer Dios tua campía/ y-ha sel-a tua ría « Pelra do mar » chamada./ Coma Raquel fermosa, fecunda coma Lía,/ ti erel-o broche d’ouro da creación enteira./ Porqu’o Jacob Divino topoute feiticeira/ o teu mar esprendente quixo chegar un día;/ roubal-os teus amores gañando unha victoria.../ cal si quixera Cristo decir : ¡ de Vigo, a groria ! “

-É fermoso, -dixeron varios entendidos e un-: Pero ese galego...

-Aínda nos tiñamos moi rematado o galego final... Non había reglas claras.

(E alguén polo baixinis deixou caer : Nin agora, tíos...)

Te puede interesar