Opinión

MÁIS DE FONTES

Na nosa entrega de ontronte sobre as fontes (de auga) histórticas non tratei como se corresponde a Raúl Comesaña, aquel escultor contemporáneo que polos seus traballos, ás veces sinxelos, moitos pensaban que non tiña rigor e merecementos para ser chamado escultor, como se a verba 'canteiro' non englobase tamén a auténticos artístas aínda que traballabasen a pedra para realizar obras de menor importancia que outras.


Raúl tiña esculturas de moito valor, entre elas a Virxe do Carme que prega para nós no cumio da Igrexa dos frades Carmelitas na praza-xardín que foi dedicada a outro Colega seu: Xoán Piñeiro.


Comesaña , entre as súas fontes ten dúas excelentes obras: unha na marxe esquerda da Gran Vía, un alto relevo dun petrucio galego, e outra que representa a unha leiteira coa súa sella e que está sita hoxe na costa da rúa Marqués de Alcedo. As dúas tallounas no ano 1967.e son un portento de debuxo e labra.


Desta mesma época é do propio Raúl a fonte que se chama 'Manantío', (unha dona cun cántaro que abrocha auga-, de liña moi estilizada, encravada a carón do Colexio Fleming, ao final da rúa Ourense.


E non quero esquecer unha fonte neobarroca de Silvino Silva, escultor canteiro ou canteiro escultor, tamén, no colexio Lope de Vega, na estrada provincial, que representa unha forma feminina que mana auga dun xarrón con catro mascaróns e vieiras.


Do mesmo autor hai nos xardíns do Museo de Castrelos unha parella en pedra a ler nun sentido texto que di: 'O amor e o agarimo sementan o froito que medra e olla a luz da vida'.


Seguiremos falando, de cando en vez das fontes viguesas, das que hoxe non beben os vigueses sans, agás algún naturalista, errado?. (Nembargantes hai que lembrar a salutífera frase popular: 'Din que mellor é o viño ca auga. Pero se a auga é dunha fonte pura, cristalin e clara: mellor é o viño ca auga.'


Te puede interesar