Opinión

LEMBRANZA DE ANTONIO LÓPEZ DE NEIRA Y FREIRE

Agora, dende estes días ata a festa e actos da Reconquista, estará a Fundación de Vigueses Distinguidos traballando para editar un libro no que se recollan as biografías de todos aqueles que mereceron ser destacados polo Consello dende 1985.


Non é un traballo sinxelo. Hai 'distinguidos' falecidos e dificultades para atopar material para dar vida no papel a moitos cos seus avatares e traballos para ter conseguido esa fermosa honra de Vigués Distinguido.


Pero o libro vai adiante nun esforzo que compensa aos 'traballadores' que, para iso ?digo eu-, teñen calidade de creadores e sempre inquedos polas cousas e feitos dos vigueses. Ou sexa: a directiva da Fundación que preside don Luis Espada.


E a min asáltame unha lembranza do pasado: ás veces, aínda que eles ?ou elas-, son personaxes honrados/as con fama inesquecible paréceme que os reducimos ao seu espíritu nas placas das rúas cos seus nomes. Pero non é bastante: de cando en cando hai que falar de eles e homenaxealos aínda que sexa en pequenas demostracións de gratitude. Hoxe encetarei recordando unha figura ilustre: López de Neira.


Naceu en Naz, (Lugo). Moi xove encetou a traballar como dependente nunha tenda viguesa onde amosou o amor ao traballo honrado. Con gran sentido da economía chegou a ter un pequeno capital que investiu nun comercio de ultramarinos na nova rúa do Príncipe. Logo mercou un solar na mesma rúa e edificou a súa casa, centro dos seus negocios. Amigo de Sanjurjo Badía, montou con el unha fábrica de papel na mesma rúa. Non tardou en ser concelleiro municipal e alcalde de Vigo. Neste cargo actuou moi beneficiosamente para Vigo: emitiu un empréstito de tres millóns de pesetas, coas que pagou as débedas do Concello, as obras nos mercados e a Lonxa e empedrou varias rúas.


En política figurou sempre a carón do seu gran amigo D. José Elduayen e con él colaborou en moitas das melloras que o pobo de Vigo debe a éste. Foi deputado provincial corenta anos, ocupando varias veces a presidencia da Deputación.


Axudou moito ao Lazareto de San Simón e levou á illa a auga potable. Débese tamén a el a estrada provincial de Vigo a Bouzas. Foi cónsul de Chile e de Costa Rica, deputado do porto na Xunta de Sanidade e presidente de varias institucións, etc.


Preocupouse pola modernidade sendo o primeiro en Galicia que instalou o teléfono e a luz eléctrica.


Sendo alcalde de Vigo, na visita da raíña Mª Cristina e o seu fillo á cidade en agosto de 1900, foille outorgada a Gran Cruz de Isabel a Católica.


O Concello deu o seu nome a unha importante rúa da cidade.


Te puede interesar