Opinión

BENFEITORES E FILÁNTROPOS

Vigo tivo bos coidadores: políticos, benfeitores, filántropos. Entre eles destaca don Xosé Elduayen y Gorriti. (Dicíase: 'A mitade de Vigo fíxoa Deus; a outra Elduayen.') Ministro de moitos ramos, senador, deputado por Vigo, axudounos a derrubar as murallas, para o crecemento urbano; o porto de ferro; o ferrocarril Vigo-Ourense; apertura de moitas rúas; rematar a segunda torre da Colexiata, con cartos seus; montou o Hospital; a capela do cemiterio de Pereiró; loitou polo lazareto de San Simón que querían quitarnos, etc.


Tamén aloumiñaron a Vigo D. Eduardo Chao e D. Ángel Urzaiz, deputados nosos. E filántropos: Remigio Nieto e Tomás A. Alonso, (donaron escolas); García Barbón, construíunos a Escola Industrial e a de Artes e Oficios; Policarpo Sanz deixou unha grande manda para o ensino e unha valiosa colección de obras de arte para o Museo Q. de León. E outros como Pedro do Pazo, Mirambell, Penzol, Laxeiro, Torras...


Outros favorecedores coñecendo o dito italo de 'io te do una cosa a te, tu me dai una cosa a me', fixeron 'altruistas' cesións ao Concello vigués. (Poño un só exemplo: O Marqués de Vallada¬rEs cedeu os mesquiños terreos para a rúa que leva o seu nome, e os seus predios laterais ¡revalorizáronse pingüemente!) Outro lembrado pola súa doazón, é o Marqués de Alcedo. Deu a cidade o pazo e o parque de Castrelos. Ansiaba D. Fernando Quiñones de León y de Francisco Martín engadir aos seus títulos de nobreza a grandeza de España. Sóuboo o famoso xurista Dr. Cadaval ?o que ten rúa dedicada- e contoullo ao alcalde D. Adolfo Gregorio Espino. Fixéronse as xestións -non doadamente-, en Madrid. Ao fin conse¬guiuse que El-Rei concedese o que arelaba o Marqués, que entregou o Pazo. (Un trato, unha cousa por outra.) O Concello acordou pagar os dereitos pola concesión da 'grandeza' e máis erguerlle unha esta¬tua por suscripción popular. (A que está na porta do museu, obra de Bonome.) Logo houbo que pagar, á nora do Marqués, (viúva do seu fillo premorto), dona Mariana Cristina de Montenach Saint-Georges White, de Allandson (casara en terceiras nupcias co coronel de lanceiros Cecil Allandson), 125 mil pesetas daquela, olIo.) O Concello, no 1925, acordou, tras escoitar ao alcalde, aprobar, así, o asunto da 'doazón' feita polo marqués. (A filantropía, dixo non sei que sabio, sempre está tinguida dun certo egoísmo.)


Te puede interesar