As herbiñas do camposanto

Publicado: 25 jun 2017 - 03:24

Si a extinción do ser humano como especie está garantida e gañada a pulso -solo é incerta a data-, a dos galegos e galegas precederalle, sen dúbida. A crise demográfica recrudécese en Galicia onde continuamos liderando a lista negra de comunidades con peor saldo vexetativo, tras vintenove anos superando en defuncións aos nacementos.

A pesar do crecemento da esperanza de vida no primeiro mundo -bestial nos dous últimos séculos- a xente morre máis deprisa do que é o ritmo de produción de novas xeracións autóctonas. Nas aldeas xa cada vez quedan menos rapaces e rapazas a quén decirlles "e tí de quén ves sendo?". A pregunta e o euro que lle daban aos churumbeles para xogar ao futbolín na festa do pobo vai ter que quedar para un rango de idade moito maior.

Ao mellor aquí tomámonos demasiado en serio o de que "hai que ir morrendo", xa que poñemos en mans da parca 1,6 difuntos por cada nacemento. A este ritmo, pronto non teremos a quén darlle o testigo xeracional, nin vai ser fácil que "vivamos como galegos", porque somos máis ben e, por riba de todo, especialistas en morrer e poñer lustrosas "as herbiñas do camposanto", das que falaba Rosalía.

As políticas públicas -en todos os niveis territoriais- para cambiar esta tendencia son esmirriadas e pouco afortunadas. A dinamización demográfica ten que ir máis aló de animar aos mozos e mozas a procrear para encher Galicia de nenos e nenas como quén bota patacas, apelando ao concepto anxelical de familia e dándolles cobiza cunha cesta benvida ou un bono coidado. Coidado!, porque as magníficas desgravacións na declaración da renda ou os salvaxes descontos para familias numerosas, non convencen. Construir garderías está ben, pero o crecemento demográfico ten que pasar por políticas económicas e sociais con futuro, a longo prazo e transversais, que teñen que xerminar no sector público e tamén no privado -onde maior carencia e desprotección hai- e que impulsen decididamente o emprego, o acceso á vivenda e a conciliación. E con medidas sociais reais que, por exemplo, deixen atrás as insuficientes dezaséis semanas de permiso de maternidade e as ridículas axudas económicas por fillo a cargo.

Se botamos contas, non compensa e quen quere ter fillos non o pensa. O decide por riba de calquera consideración, con cariño e xenerosidade. Pero eso solo para Galicia non será suficiente. E as herbiñas do camposanto seguirán crecendo con forza, porque a morte é a certeza.

Contenido patrocinado

stats