Antonio Casado
Presuntos españoles
Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova forma aos mitos clásicos, recibe a noticia de que o mundo acaba de consagrala en vida. A fotografía dese momento fala por si mesma: unha señora maior, asombrada, cos ollos moi abertos tras as lentes, unha chiscadela caseira e divertida de O berro de Munch.
O xoves 8 seguimos o anuncio en directo na aula de latín e despois lemos algúns fragmentos da elexía que Carson lle dedicou ao seu irmán. Constrúea arredor do poema que o poeta romano Catulo escribiu no 60 a. C. ante a tumba do irmán finado en Asia Menor. Anne Carson desmonta o latín palabra por palabra e deixa á vista as entradas do dicionario, coas súas acepcións dubidosas, coma unha alumna aplicada que buscase no léxico unha saída para a súa dor.
A gran festa das nosas letras funciona ao revés do Nobel de Literatura. O 17 de maio, festivo desde 1991, só pode estar dedicado, como é sabido, a autores que leven polo menos dez anos mortos. A norma ten lóxicas que convén respectar: a distancia serena o xuízo, afasta as afinidades e impide que a data se converta nun repartimento de boletos entre contemporáneos. Unha conmemoración precisa perspectiva, e as Letras Galegas cumpren ben esa función. O problema é o oco que deixan ao seu carón.
Os escritores vivos teñen recoñecementos, por suposto. Moitos e variados: de editoriais, de concellos, de fundacións, de asociacións, pero neste país talvez aínda estean faltos dun cumio que os canonice en vida. O galardón institucional que máis se lle achega, o de Letras dentro dos Premios da Cultura Galega, comparte gala e xurado con outras sete modalidades, e nalgunha convocatoria nin sequera recaeu nun escritor, sen falar de que o primeiro galardoado, Agustín Fernández Paz, rexeitouno publicamente. Un premio que convive cos da música, artes escénicas, creación audiovisual ou lingua dificilmente pode ter peso dabondo para consagrar a ninguén. Moitos cidadáns saben a quen se lle dedicou o último 17 de maio; poucos saberían dicir quen recibiu o teoricamente máis alto recoñecemento literario concedido a un autor vivo das nosas letras.
Tampouco contamos cunha entidade civil co peso histórico e social necesario para levantar ese cumio pola súa conta, coma noutras literaturas peninsulares, caso da catalá. O consenso debe construírse entre todos: a Xunta, sen dúbida, pero tamén a RAG, o Consello da Cultura Galega, as universidades e quen viven polos libros cada día, desde os escritores ata os editores e os libreiros, pasando polas fundacións literarias e os lectores. Un xurado así de plural sería a mellor garantía da súa permanencia, porque ninguén podería apropiarse dun premio de todos, e ningún cambio de goberno tería a tentación de modificalo. Un só galardón, cada ano, a unha soa persoa viva, por toda unha obra escrita en lingua galega, que a faga entrar no canon cando aínda pode velo e desfrutalo.
Catulo chegou tarde á tumba do irmán e só puido escribirlle o seu adeus. Os nosos escritores vivos coñecen ben esa tinta: o eloxio, morno ou quente, chégalles en vida, pero o saúdo grande gardámolo para cando xa abandonaron o escenario e o único que pode escoitalos é o vento. Oxalá que este acabe por virar, tamén, cara ao presente.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último