Luis Carlos de la Peña
Cambio de posiciones
Cando vin que o actual presidente do Partido Popular encabezaba as listas da súa formación política prás eleccións xerais e que nela figuraba Pedro Puy, sentín un alivio grande. Había anos (hoxe diría que hai xa moitos anos) convivira con este en distintas instancias e din por feito que a súa presenza nos escanos do Congreso serviría pra introducir no seu ámbito, por fin, un saber facer que contribuiría de xeito decidido ó diálogo, sereno e moderado, ben sólido de argumentos, pleno de coñecemento da realidade social e económica e aplicado en favor do conxunto do país ou, se o prefiren, do Reino de España.
Hai un días, mellor dito, o pasado domingo, Pedro Puy escribiu un seu artigo no terceiro xornal deste reino das Españas que uns queren unha, grande e libre, mentres que outros a preferimos libre, grande e plural. Foi así como a vislumbramos cando Juan Carlos I chegaba a Galicia e, moito ou pouco, falaba en galego, ía a Euzkadi e facía o mesmo en euskera e procedía de igual xeito nos seus discursos ditados en Cataluña.
Nese seu artigo Pedro Puy -“Aterra como poidas” era o seu título-, hoxe deputado no Congreso, comezaba por comentar o uso, diríase que indiscriminado, que hoxe facemos do verbo aterrar. Razón non lle faltaba. Aterramos continuamente, uns por eiquí, por alá outros, con motivo ou sen el, pero aterramos tanto que algúns comezan xa a cismar en se aterrar en vez de significar tomar terra, ou poñer os pes no chan, o que quere dicir é encher de terror á concorrencia. Madía leva. Logo dun par de parágrafos, Puy Fraga referíase ó novo vicepresidente económico do Goberno, “un sólido economista (e persoa encantadora)” que tamén adoita utilizala. Así o fixo ó se referir á ministra portavoz por ter garantido que o Goberno presentará os Orzamentos dunha vez, anque sen concretar cando “pra non se pillar os dedos”. E de aí pasou Pedro Puy a falar con moderación, coñecemento e respecto de economía e doutras materias que escapan da miña capacidade de comprensión e análise rigorosa.
A partires desa quebradura, que deixo á consideración do lector de acordo coa súa posición cidadá e politicamente definida, de novo se me evidenciou a miña inxenuidade. Primeiro, sucedera así cando vira que Pedro Puy ía nas listas do seu partido. Entón brinquei de contento. A súa próxima presenza nos escanos madrileños fíxome pensar que o actual presidente de Partido Popular ía impoñer unha práctica parlamentaria baseada na moderación e no dialogo; sostida na preparación e o coñecemento dos seus deputados con maior nivel intelectual e alta capacidade, dotados dun compromiso ético e moral incardinado nos principios elementais da convivencia. Craso error o meu, inxenua esperanza a miña e gran decepción a producida.
En troques de descansar en Puy Fraga esa responsabilidade, como eu cheo de esperanza din en supoñer, en troques de facelo en quen fora o portavoz no Parlamento galego, a portavocía foi recaer na responsabilidade desenvolvida ó seu xeito polo actual responsable, é dicir, o presidente popular decidiu, chegado o momento, comezar a casa polo Tellado. Así chove, e chove, e chove, e a política española é hoxe o que é en función da convivencia expresada dende a zafiedade máis zafia que se pode recordar nos anais parlamentarios.
Sei do que falo. Sentárame eu nun escano parlamentario galego como independente dentro do grupo socialista e puiden vivir un exemplo de convivencia exemplar entre o grupo do goberno e o da oposición. A primeira lexislatura do Parlamento de Galicia foi un exemplo memorable. A convivencia foi vivida sempre de cara ó ben común. Agora, a presenza no Congreso duns políticos como Carlos Cuerpo ou Pedro Puy axuda a pensar que aínda ten remedio a actual situación, tan lamentable como perigosa. Dun lado e doutro existen políticos capaces, dotados de bonhomía e coñecementos que deben axudar a levarnos a todos a unha situación que devolva a este país á bonanza do entendemento e do diálogo construtivo. Se noutros lugares iso é posible, non hai razón pra que eiquí tamén o sexa. Senón é así, gustaríame que alguén mo explicase.
Alfredo Conde
Contenido patrocinado
También te puede interesar