Axustemos o sistema de financiamento autonómico, sen desnaturalizalo

Publicado: 22 sep 2024 - 06:10

Unha das cadernas do modelo territorial español é o sistema de financiamento autonómico (SFA), que asigna bases tributarias e recursos para que as CCAA poidan exercer as súas competencias con suficiencia, equidade e autonomía. España converteuse en poucas décadas nun dos países máis descentralizados do mundo, respondendo ás preferencias da maioría dos cidadás (con severas diferenzas entre territorios), tanto en gastos, como, aínda que en menor proporción, en ingresos. E funciona! Non a quebremos, axustémola para perfeccionala e dotémola dos instrumentos federais que faltan, sen retornar a un centralismo que afoga e sen importar elementos confederais que distorsionan e desunen.

A dotación de recursos adicionais ás CCAA non é hoxe a razón principal para unha revisión do SFA. A mellora substancial da situación económica a partir do control da COVID e a entrada de substanciosos fondos europeos (NGEU) fan que na actualidade as arcas autonómicas estean ben colmadas. Ademais, cara ao futuro, o sensato é aumentar o grado de responsabilidade das rexións: se as comunidades precisan ingresos, deben reclamarllos aos seus cidadás (e asumir os custes políticos de facelo), e non ollar cara o estado central, que ten os seus propios problemas. Pero para iso convén incrementar a súa autonomía tributaria. Como? Dotándoas de capacidade para determinar de forma conxunta os tipos a aplicar na parte do IVA e dos Impostos Especiais que na actualidade teñen atribuída. Así como avanzar na cesión de tributos ambientais e das taxas e prezos públicos. Adicionalmente, as comunidades deben poder incidir de xeito máis efectivo nunha Axencia Tributaria que debe permanecer integrada para garantir a eficacia.

Cómpre, tamén, revisar os defectos de equidade do sistema, clarificando o grado desexado de nivelación e anulando as disparidades arbitrarias no financiamento por persoa entre comunidades. Nós somos partidarios dunha nivelación total: que cun esforzo fiscal similar, Extremadura poida prestar servizos dun nivel similar ao de Madrid, ou Galicia que Cataluña. Para o que se precisa un mecanismo de igualación poderoso. Neste marco, as singularidades obxectivas de cada territorio (insularidade, superficie, dispersión, estrutura de idades), xa operantes no modelo actual, poden reevaluarse, para reflectir con superior precisión o custe de prestación de servizos ou a intensidade da demanda. Desde Galicia defenderemos ter máis en conta o impacto do espallamento poboacional ou a tensión que unha poboación avellentada proxecta sobre a sanidade ou os servizos sociais. Pero esta demanda, como outras, deben resolverse nun marco multilateral que poida atender as razóns de todas.

Se queremos avanzar cara a máxima igualdade, compatible coa autonomía de decisión, debemos eliminar, ao longo dun período de transición, as vantaxes inexplicables ou os fondos ad hoc que benefician a algunhas rexións. O que tamén serve para o concerto vasco e o convenio navarro. O recálculo do cupo debería permitir aproximarse ao desideratum de colocar a todos os territorios en pé de igualdade. Isto non só nivelará o terreo de xogo. Tamén fará máis simple e intelixible o sistema.

O presidente do Goberno prometía hai uns días duplicar a dotación do Fondo de Compensación Interterritorial, que ten por obxectivo promover o desenvolvemento das áreas menos prósperas. Unha boa idea, que debería ir acompañada dunha revisión integral das súas características, para facelo máis eficaz.

Adicionalmente, a reforma das regras de estabilidade en Europa abre a porta a unha revisión da lexislación española, gañando en flexibilidade, simplicidade e credibilidade. Algunhas comunidades, moi endebedadas, precisarán dun tratamento individualizado para poder reincorporarse ao mercado, que debe ser o obxectivo. Outras, máis cumpridoras, deberan ter máis marxe para utilizar o crédito para financiar proxectos sensatos. Máis espazo para definir traxectorias propias debería ser compatible con sancións proporcionadas para comportamentos pouco responsábeis.

Unha ameaza seria ao actual modelo é a aplicación dunha financiación “singular”, fóra do sistema común, a Cataluña, que pasaría dunha relación financeira federal a outra que moitos tildan de confederal: o Estado central queda seriamente debilitado. Que Cataluña poida acceder ao mesmo estatus que o País Vasco ou Navarra sen amparo constitucional abre a posibilidade de que calquera CA o faga. E, se o deseñado no Acordo é un modelo adecuado, por que non poñelo a disposición doutras comunidades?

Imaxinemos que se faga xeral: ademais das complicacións técnicas (17 modelos tributarios competindo, 17 axencias actuando), a cuestión de fondo é que a administración central carecería de base fiscal propia. Esta é, se fixera falla, a maior demostración do que significa ese cambio de modelo. Constitúe unha anomalía en termos comparados con outros estados; e invertería por completo a relación entre o Estado central e as CCAA no plano do financiamento. E aínda que, seguramente de boa fe, se estableza o compromiso de manter unha solidariedade xusta co resto dos territorios, aquela non se define, sométese a condicións, e faise depender da boa vontade do Goberno catalán. Así, créanse as condicións para ulteriores decisións que revisen a súa contía.

Reformar o sistema procurando reducir as asimetrías é unha opción máis sensata que quebralo para atender demandas particulares de difícil encaixe no noso modelo constitucional.

Contenido patrocinado

stats