Alberto Barciela
Antón Pulido, o home que fixo da vida arte e da amizade país
A vida que merece ser vivida xustifícase no outro, e Antón Pulido fixo diso un axioma vital que hoxe permanece intocable na memoria colectiva de cantos tivemos o pracer de coñecelo, de gozar do seu trato exquisito e da súa inesgotable altura intelectual. Antón foi, é e será sempre un referente imprescindible, un verdadeiro home do Renacemento nado perto da Atenas ourensana e vencellado para sempre ao Vigo atlántico, oceánico, a toda Galicia cosmopolita, ao mundo de Otero Pedrayo e á estela luminosa de Laxeiro. Desde a súa Bóveda de Amoeiro ata os escenarios internacionais onde levou a súa obra, este creador excepcional soubo debuxar paisaxes de vangarda mentres construía unha rede indestructible de afectos, sobremesas eternas e ledicias compartidas.
A súa traxectoria abrangue medio século de pintura, desde os primeiros tempos figurativos que retrataban a cotianeidade dos camiños e da Serra da Martiñá ata a abstracción máis depurada, esa síntese cromática onde o vermello e o azul falan de soidades e de celebracións festivas, das kermesses que son tamén a ledicia de vivir, levando os seus óleos e debuxos desde os obradoiros galegos ata galerías de Taiwán, Corea do Sur, China ou Italia, sempre fiel ao principio de que a creación artística nace da alegría de vivir e do gozo íntimo, nunca do sufrimento ou da tiranía do mercado. Como ben recordaba acudindo ao consello de Álvaro Siza, todo o que non añade, sobra, e Antón soubo eliminar o superfluo para quedar co esencial: a emoción pura, a cor medida, a pincelada ancha e firme que convida a unha revolución estética e moral.
O seu paso pola xestión cultural como primeiro director do Centro Galego de Arte Contemporánea ou como director xeral de Cultura deixou unha pegada fonda, aberta sempre á modernidade sen renuncia ningunha ás raíces. A monumental obra da enciclopedia de Artistas Galegos, impulsada xunto ao editor Carlos del Pulgar, constitúe o meirande museo en soporte papel que testemuña a riqueza dunha terra que pariu creadores extraordinarios. Antón tratou a todos con aquel inxenio perspicaz, co seu tono afinado e a súa bonhomía de cardenal laico, conversador infatigable nas tabernas e nos pazos, desde o Bar Rouco ata Casa Álvaro.
Disfrutar de Antón era compartir un círculo de lealdades e creación onde tamén brillaban Bieito Ledo, Avelino Muleiro, Anxo Rajó, Jorge Nogueira, Pilar Corredoira, Carlos Laxeiro, José María Barreiro, Xavier Magalhaes, Carlos Rodríguez, Xulio Gil, Luis González Tosar, Alfredo Conde, Sira e José Antonio Carrasco, Paco Corral, Álvaro y Dores, y sus hijos, Paulo y Marco, de Casa Álvaro, e tantos outros artistas, críticos, creadores e literatos, restauradores. Xuntos percorrían Vigo, Santiago de Compostela ou Valença, gozando do Bar Rouco, dos restaurantes de María Fernández ou do sótano sagrado de Ganfei, convertendo cada xuntanza nunha celebración inmortal da amizade e da cultura.
A súa inesgotable xenerosidade con Vigo e a súa vocación irrenunciable de transformar a paisaxe urbana nun lenzo vivo atoparon un dos seus cumes máis emocionantes na emblemática esquina de Peliche, invitado por Abel Caballero. Alí, o mestre soupo desafiar o feísmo das rúas convertendo un espazo gris e inerte na vibrante Praza dos Abrazos, unha monumental intervención de douscentos oitenta metros cadrados de puro cor, trazos pulidistas e talento creativo que regala calor humano a quen a camiña. Aquela praza é hoxe o testemuño gráfico do seu anhelo por fundir a arte coa vida cotiá, un monumento permanente ao afecto que sintetiza a súa mirada luminosa sobre a convivencia e a beleza.
Nalgunha taberna acolledora, como a de Elixio, rodeado de creadores e amigos, Antón despregaba unha memoria prodixiosa e unha ironía finísima, capaz de gozar coas ocurrencias máis disparatadas, de narrar sucedidos memorables ou de dialogar coa mesma profundidade cun intelectual que cun simple cidadán de a pé. Coma un auténtico petrucio de aldea vencellado para sempre á cidade, o pintor soubo facer da conversa un arte maior e da amizade un verdadeiro país.
Quédanos agora o oco insubstituíble dunha ausencia que doe, mais tamén a certeza imborrable de que a súa luz segue habitando entre nós, con Fina e os seus fillos. A súa obra e o seu recordo erguénse coma unha cumbre eterna, iluminando as nosas sobremesas e lembrándonos que os seres xenerosos nunca marchan do todo, pois xa forman parte do latido esencial e fermoso de toda Galicia.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último