Un ano camiñando xuntos…

Publicado: 21 jul 2025 - 03:00

Hai un ano, na nosa catedral de Tui, recibía a ordenación episcopal e comezaba o meu ministerio de pastor. Son moitos os sentimentos que evocan os recordos daquela xornada. Non sei cómo a vivistes vós, si sei o que marcou en min: moitas emocións, moitos rostros amigos e descoñecidos, moitos soños e esperanzas, moitas expectativas… Tanto os que viñeron de lonxe como os daquí puidemos vivir unha xornada de fe, comunión, fraternidade.

Un ano despois resoa en min unha palabra que me acompañou cada día: grazas!. Non podo decir outra cousa, foi e está a ser un regalo todo o vivido. Nestes meses puiden ir coñecendo a diocese, moitas parroquias, pero sobre todo, fun coñecendo moitos rostros, coas súas historias particulares, coas súas inquedanzas e ilusións. Atopei moita xente boa, cercana, garimosa, comprometida, que vive o Evanxeo, que se sinte Igrexa-comunidade, e que ama á súa terra. Descubrín a forza e paixón de moitos cregos, consagrados/as e leigos/as que día a día estades a construir Reino nesta Igrexa particular, e que o facedes de xeito calado, discreto pero constante. E todo isto, foime gañando o corazón ata facerme sentir un de vós. Así me sinto, e así vos quero. Costoume saír da miña terra e diocese, alí quedaron as miñas referencias, amigos, familia… pero atopei aquí un fogar, unha familia, unha comunidade. Grazas!

Sei que temos un longo camiño que andar nesta aventura de ser e vivirmos en Igrexa; invitábavos a soñar, e sigoo facendo. Non deixo de soñar cunha Igrexa diocesana máis cercana ao evanxeo, máis fraterna, máis acolledora, máis familiar… E creo que os soños poden facerse realidade; xa o están a ser… Gustaríame que esa capacidade de soñar que cadaquén leva no seu interior non se esmoreza; pola contra, aproveitémola para seguir buscando novos camiños, para deixar canto nos sobre e estorbe, para saír ao encontro de cada persoa, para seguir anunciando a Cristo e o seu Reino, e facelo con esperanza e moita alegría. Nesta Igrexa hai moito andado, e ben andado; tócanos seguir camiñando sen cansar, e facelo xuntos, sen que ninguén se sinta á beira do camiño, esquecido ou abandonado. Cando penso nesta Igrexa particular recordo aquelas palabras do benquerido papa Francisco: todos, todos, todos. Estamos invitados todos, todas, e estamos chamados a saír a todos; esta é a Casa de todos e ninguén pode quedar

fóra. E se nalgún momento alguén se sinte cansado ou tentado a marchar… axudarémonos e sairemos adiante en comunidade.

Temos moitos retos, imos iniciar un traballo para coñecer ben a nosa realidade, cómo estamos, cáles son as nosas forzas, fortalezas e debilidades, tamén as oportunidades… así partindo da realidade poderemos planificar, todos, os vieiros polos que camiñar no futuro na diocese. Suporá cambios, acoller iniciativas novas, deixar outras que xa deron de si todo o que podían… en definitiva, suporá vivir, si, vivir! e facelo, con ilusión e moito ánimo. Como nos recorda o apóstolo Paulo, o amor de Cristo é o que nos preme (2 Cor 5,14), e pobre de min se non predico o Evanxeo! (1 Cor 9, 16).

Agredézovos de corazón a vosa acollida de irmán. Grazas tamén pola vosa paciencia e por ensinarme -todos e todas- a ser pastor no medio de vós. Renovo a miña disponibilidade, contade coa miña capacidade de traballo e servizo, coa miña cercanía e entrega. Este don do Señor de sermos Igrexa nesta terra recibímolo xuntos, e xuntos, acollémolo e levámolo adiante; sei que estamos sempre nas súas mans.

Foi un ano intenso, un ano de vida, onde a Igrexa de Tui-Vigo gañoume o corazón e me fai sentir orgulloso de tanto compromiso e paixón. Esta é unha Igrexa que quere ser fiel á misión encomendada, que quere saír aos camiños e abrirse ás feridas do mundo. Grazas a todos e todas! Non deixedes de rezarme; eu rézovos cada día.

Contenido patrocinado

stats