José Teo Andrés
Triple del Puerto de Vigo
Que eu lle daba ó meu amor...", deixounos escrito a gran Rosalía ca súa elegante sensibilidade, motivo polo que temos que estarlle agradecidos mentres o «homo sapiens» non se extinga como especie. Ou desapareza para sempre a vida na Terra, e a Terra mesma, no momento no que o Sol convértase nunha xigante roxa (dentro duns catro mil millóns de anos) e o seu lume queime sen remisión o planeta que constitúe o noso Fogar de Breogán, e dunha chea de deuses máis. Se non están erradas as teorías dos astrónomos, cousa que non desboto pois para min, anque que non sexan ficción, tamén non son ciencia.
Non é brincadeira!: Igual agradecemento debemos amosar ao Concello de Vigo, cando cumpre cas súas obrigas como Administración pública e emprega de xeito correcto os tributos aportados polos cidadáns.
Estoume referindo á limpeza das marxes dos camiños e das beirarrúas, que se enchen de matas de múltiples especies tralas chuvias do inverno. Eu, que non son biólogo, apenas identifico tres ou catro, e delas a que motiva este artigo son as silvas. As silvas e o seu froito, as moras. Poderíame referir tamén ás súas espiñas, posto que teñen non pouco protagonismo na nosa cultura.
Por exemplo, lembro que cando a miña defunta nai non daba chegado á casa, o meu pai comentaba: «Engancharíase nalgunha silva». Que traducido quería dicir que o máis probable fose que atopara algunha amiga e enredáranse a falar dos seus asuntos de mulleres.
Non obstante, o feito de maior relevancia cas silveiras como protagonistas aconteceulle ao meu bisavó materno, Gerardo, patrón de pesca de profesión, cara á década de 1920. Foi subindo polo camiño da Raposa, en Coia, vindo do molle de Bouzas, onde desembarcara sendo xa noitiña. Ao chegar á altura do desaparecido cemiterio da parroquia de San Martiño, notou como unha forza estraña agarráballe a boina e lla quitaba. Inda que era un home feito e dereito, acostumado a enfrontarse ás tormentas mariñas, perante semellante inimigo de ultratumba sabía que non dispoñía de defensa ningunha e o mellor que podía facer era fuxir á carreira. Narroulle o acontecido á súa dona, a miña bisavoa Isabel, quen non deu crédito ao conto. Nas oportunas verificacións realizadas ao día seguinte, acharon a boina pendurando das espiñas dunha silva.
Agosto é o mes por excelencia das vacacións. E o tempo no que na Galiza maduran as moras, uns anos antes e outros máis tarde, dependendo da climatoloxía que nos cadre nese período estival. Pero, se ao chegar setembro non se apañaron e paparon acaban secando e vólvense incomestibles.
Estes pequerrechiños froitiños son un excelente complemento da dieta humana, e da de outros animais, dado que aportan antioxidantes, vitaminas (principalmente C e E), e oligoelementos (magnesio, manganeso, zinc...) , ademais de variados nutrientes. Faralle un proveitoso beneficio á súa saúde e benestar quen se deleite ca súa bela cor, sutil olor, doce sabor e suave tacto, praceres que axudan a amar a existencia.
Porén, resulta que as brigadas de limpeza do Concello de Vigo non deixan mata de silveira sen cortar xa nos inicios de agosto, abortando a xerminación, o crecemento e a maduración dos seus froitos; eliminando así unha fonte importante de alimentación para diferentes especies, alén da nosa; sobre todo aves e certos mamíferos como os ourizos cachos, preciosos e simpáticos animalciños que viven no noso medio e que hai que procurar non asustar, non pisar, e non pasarlle por riba co coche cando nos crucemos con eles. Por favor, moitísimo coidado con isto último se queremos evitar a súa extinción!
Entre as aves destacan os melros. Estas paseriformes gustan especialmente das amoriñas cumpridas, para si ou para ofrecerllas como agasallo ou comida aos seus amoriños e aos seus poliños. Gardo como un tesouro na miña memoria un dito acerca destes paxaros que me ensinou o finado do meu pai, que ven sendo a onomatopea do seu canto e que quixera expandir aquí para xeral coñecemento, aínda que non sexa factible reproducir o sonciño que imita o seu trino e acompaña ás verbas: «Pincha uva, pincha mora, ¡surricha polo cu pra fóra!» (o transcribo tal e como o pronunciaba. Xa sei que non é o que dispón a Academia, pero é máis emotivo e achegado ao pobo).
En definitiva; a miña proposta aos responsables da limpeza das vías públicas do Concello de Vigo é que, na medida que sexa posible, pospoñan até o mes de setembro a poda das silveiras que vexan que teñen froitos, permitindo deste xeito a súa maduración e posterior desfrute por todos aqueles seres, terrícolas ou alieníxenas, que se nutren con eles. Incluídos nós, os seres humanos, anque nos ocorra como aos melriños e zurrichemos polo cu para fóra.
Xa nolo limparemos!
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último