José Antonio López Silva
Alfredo Conde: palabras contra o tempo
Sentarse todos os días durante máis de corenta anos a escribir un artigo de xornal. Aproximadamente, catorce mil: o equivalente a unhas cen novelas; sen contar as máis de vinte que leva publicadas. Ou, se se prefire, a Enciclopedia Británica en forma de columnas.
Eses milleiros de textos son obra dun dos autores máis sólidos e prolíficos da literatura galega actual: o amaiano Alfredo Conde, que vén de recibir o Premio José Luis Alvite de Xornalismo. Un recoñecemento que, máis alá do seu carácter simbólico, sinala unha das traxectorias máis amplas e rigorosas do columnismo literario en activo neste país.
Nun tempo dominado pola velocidade, pola opinión instantánea e pola evaporación da memoria, escribir un artigo conserva algo de resistencia. Supón deter o mundo durante horas —ás veces días— para pensalo e asumir o difícil exercicio de construír unha peza de artesanía literaria. Nese xesto hai xa unha forma de ser e de estar na escrita.
Coa entrega deste galardón o vindeiro 4 de Maio, un xesto de gran relevancia, non só estamos ante un narrador consolidado, con obras claves do noso sistema literario, senón tamén diante dun autor que entende o artigo como prolongación natural da súa literatura. Non hai corte entre o novelista e o columnista; pola contra, hai continuidade de mirada. Mesmo cando el establece a diferenza: o novelista constrúe un mundo e en cambio, o articulista disecciona o que habita—, persiste en ambos a mesma esixencia formal. En todos os textos de Conde reaparecen as mesmas preocupacións: o poder, a importancia da cultura, da historia ou da condición humana. E sempre con clara vontade de estilo.
Neste ecosistema mediático onde a linguaxe tende a simplificarse ata o esgotamento, Conde continúa a traballar desde unha convicción que semella hoxe case intempestiva: escribir importa por si.
Durante décadas, o artigo funcionou en Galicia como un espazo de autoridade intelectual. Non no sentido académico, senón no máis fondamente civil: o lugar onde literatura e pensamento se cruzaban coa vida cotiá para iluminala e criticala. José Luis Alvite representou como poucos esa tradición. A súa voz —irónica, escéptica, profundamente literaria— convertía o xornal nun territorio de interpretación e desfrute.
Hai algo inevitablemente anacrónico —e por iso mesmo necesario— na figura dun articulista da caste de Alvite ou Conde. Nesa anacronía insírese tamén unha conciencia de tradición que convén non perder de vista. Igual que Alvite dialogaba cunha forma de entender o xénero que viña datrás, tamén Conde escribe sabendo que forma parte dunha cadea. Non se trata de imitar modelos, senón de asumir desde a modernidade e a solidez dos seus textos que escribir nun xornal implica unha historia, un peso e unha responsabilidade. Fronte ás opinións rápidas ou comentarios efémeros, o artigo literario reivindica outra temporalidade: a da relectura, a da permanencia, a da palabra que non se esgota no día da súa publicación.
Por iso, máis alá do recoñecemento individual, o Premio Alvite funciona tamén como unha chamada de atención. Que lugar ocupa hoxe o articulismo na cultura galega? Existe aínda ese espazo intermedio entre literatura e xornalismo que foi tan fértil ao longo do século XX? Ou estamos a asistir á súa transformación en algo distinto?
Non teño resposta evidente, pero si unha certeza provisoria: mentres existan autores que conciban o artigo como forma profunda de pensamento e de estilo, ese territorio de autor que nos sinala o Premio Alvite non desaparecerá de todo. Porque escribir —facelo de verdade— segue a ser unha maneira de ordenar o mundo e, en certa medida, de opoñerse ao seu balbordo.
Nun tempo inclinado ao esquecemento, aspirar a durar contén algo case subversivo. O artigo, cando é verdadeiro, non busca ser só actual: busca ser necesario. Igual que a a gran literatura.
Contenido patrocinado
También te puede interesar