20 anos de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero

Publicado: 25 nov 2024 - 03:03 Actualizado: 25 nov 2024 - 11:11

O 28 de decembro cúmprense 20 anos da aprobación da Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero. Foi a primeira lei aprobada polo goberno socialista de José Luis Rodríguez Zapatero. Significou un antes e un despois no tratamento legal da violencia que se exerce sobre as mulleres polo feito de ser mulleres.

A lei recolle que a violencia de xénero se manifesta como o símbolo máis brutal da desigualdade existente na nosa sociedade e que constitúe un dos ataques máis flagrantes a dereitos fundamentais como a liberdade, a igualdade, a vida, a seguridade e a non discriminación proclamadas na Constitución Española. Por iso o texto afirma que os poderes públicos teñen a obriga de adoptar medidas de acción positiva para facer reais e efectivos ditos dereitos, removendo os obstáculos que impiden ou dificultan a súa plenitude.

O ámbito da lei abarca aspectos preventivos, educativos, sociais, asistenciais, económicos, de atención ás vítimas e, desde logo, a resposta punitiva que deben recibir os agresores.

Tamén contempla a protección das e dos menores que son vítimas directas ou indirectas da violencia machista. Foi e é unha lei imprescindible, que permitiu a miles de mulleres ter instrumentos para poder afastarse da violencia que exercen sobre elas os maltratadores.

Quen cuestiona a súa efectividade agocha que detrás das súas afirmacións se atopa a negación da violencia. A súa aprobación foi un gran avance e debemos sentirnos orgullosas e orgullosos de telo feito.

É certo que non hai lei ou acordo de estado que sexa capaz de acabar cunha violencia estrutural que basea os seus cimentos na dominación dos homes sobre as mulleres. É necesario dinamitar o sistema patriarcal para lograr a plena erradicación da violencia que se exerce sobre as mulleres, pero sin normas, seguiriamos sen instrumentos para a protección da metade do mundo.

Temos progresado moito desde a súa aprobación e queda moito por avanzar. Por iso se realizaron modificacións da lei durante estes 20 anos que permitiron introducir novos mecanismos de protección e reparación, contemplar novas formas de violencia e novos instrumentos para a loita contra esta terrible violencia que afecta ás mulleres.

Nestes momentos estase a traballar para renovar o Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Incorporaranse novas medidas e atenderanse novos modos de violencia que propiciarán que a lei poida contemplalos e facerlles fronte con maiores recursos.

É obrigado que tódolos grupos políticos se poñan de acordo, xa, para que poidamos seguir avanzando na erradicación dunha violencia contra os dereitos humanos das mulleres.

Sería imperdoable que non fora así. Na loita contra a violencia das mulleres non valen posicións partidistas, nin confrontacións. Todas e todos a unha, garantindo seguridade e futuro ás vítimas e a todas as mulleres.

Hoxe, 25 de novembro, reclamo unidade ante esta gravísima violencia machista que nos impide ás mulleres vivir libres, iguais, con tódolos dereitos.

(*) Primeira Tenente de alcalde de Vigo e concelleira da área de Patrimonio Histórico, Cultura, Igualdade e Normalización Lingüística

Contenido patrocinado

stats