Dimite un concelleiro socialista do Grove
Santiago Meis, responsable das áreas de Deportes, Policía, Seguridade Cidadá, Emerxencias e Festexos presentou a súa renuncia este mércores
O Concello do Grove informou que o concelleiro socialista Santiago Meis presentou a súa renuncia ás responsabilidades que viña desempeñando no goberno municipal, por razóns laborais e familiares que lle impiden continuar coa dedicación que require a política local. A renuncia será formalizada no próximo pleno da Corporación.
Santiago Meis foi responsable durante oito anos da área de Deportes, e nesta última etapa tamén das áreas de Policía, Seguridade Cidadá, Emerxencias e Festexos. "Para min foi un orgullo ser concelleiro da miña vila durante estes anos", afirmou Meis, quen destacou especialmente o traballo realizado xunto a equipos técnicos e voluntariado, e agradeceu a confianza recibida por parte do alcalde e dos seus compañeiros.
“Levo semanas sen poder dedicarme a isto como debera, e para estar a medias, prefiro dar un paso a un lado. A política municipal require moitas horas, e agora mesmo, co meu novo proxecto profesional e coa familia, non podo asumir ese compromiso”, sinalou o xa exconcelleiro, facendo referencia á recente apertura dun negocio hostaleiro que ocupa o groso do seu tempo.
O alcalde, Jose Cacabelos, quixo agradecer públicamente a Santi Meis os anos de servizo e entrega ao Grove. “Foi unha peza clave neste goberno e un exemplo de compromiso. Desde Deportes ata Festexos, pasando pola Seguridade e as Emerxencias, deixou unha pegada moi positiva e unha maneira de facer política próxima e útil para a veciñanza”, sinalou.
O rexedor tamén destacou o vínculo persoal creado ao longo destes anos: “Non coñecía a Santi antes da política, e grazas a ela gañei un amigo. Iso é algo que valoro profundamente a nivel humano", destacou Cacabelos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último