Un roteiro ornitolóxico polas paradas do bus
O artista gráfico vigués Beis vai encher de aves as marquesiñas de Nigrán. Os seus 25 anos, gáñase a vida coa pintura mural
Píllara das dunas, ostraceiro, virapedras ou gaivota común son algúns dos nomes cos que o Concello de Nigrán bautizará unha ducia de paradas de autobús pola costa grazas ao artista gráfico vigués Beis (@Beis331), moi coñecido pola súa serie de murais na contorna de Monteferro. Cada marquesiña terá como protagonista central un grafiti cunha ave propia da zona e, mediante un vinilado nos laterais, ofrecerase unha breve información sobre a especie retratada, un mapa da ubicación das diferentes paradas e un código QR que amosará en wikiloc este auténtico roteiro ornitolóxico de 7 km (desde o cruce de Patos en Estrada pola Vía ata a ponte da Ramallosa).
O obxectivo do Concello de Nigrán é promover a identidade cultural, paisaxística e turística da zona ao tempo que se dignifica o espazo público cunha intervención artística de calidade, xa que as doce marquesiñas elixidas estaban completamente vandalizadas. Este proxecto quedará rematado a finais de mes e que complementa ao realizado anteriormente por Beis en Monteferro como parte do seu traballo de fin de grado na Escola José Faílde (Ourense) ou incluso o encargado polo Concello a Juan Rivas titulado 'Pintura no lugar'. "Son de Coruxo, Vigo, pero sempre fixen moita vida por Nigrán, por iso quería ofrecer algo que de verdade achegase algún valor á comunidade", explica Pedro González, coñecido artísticamente como Beis e quen aos seus 25 anos se gaña a vida principalmente coa pintura mural. Sen embargo, este traballo encargado polo Concello foi máis alá de reformular a estética das marquesiñas, xa que antes tivo que investigar para seleccionar algunha das 12 aves máis representativas da zona. A orde das mesmas tampouco foi ao azar, "as especies máis chamativas as deixei para as paradas con maior visilidade, como a garza real", matiza.
Contenido patrocinado
También te puede interesar