CONCERTOS DE VERÁN
‘Atardecer no Gaiás’ este verán en Santiago
CONCERTOS DE VERÁN
Detalles del evento
Os últimos concertos de Atardecer no Gaiás do mes de xullo traen unha das bandas galegas de rock máis internacionais do momento: Bala. O dúo coruñés actuará no ciclo organizado pola Xunta de Galicia o xoves 23 de xullo, logo de ter pasado por escenarios e festivais de toda España, Reino Unido, Australia, Estados Unidos e Xapón. A actuación será ás 21,00 horas na Praza central da Cidade da Cultura, con acceso libre e gratuíto.
Con catro discos e un directo explosivo, Ánxela Baltar e Violeta Mosquera farán un repaso dos temas cos que deron forma a unha identidade única na escena. Guitarra, batería e voz son suficientes para lanzar disparos sonoros que lembran ao rock intenso dos 90, con influencias que van desde o stoner ao hardcore e o punk, combinando a contundencia de dúas voces moi distintas. No seu último traballo, Besta (PIAS, 2024), suman, ademais, colaboracións do nivel de Tanxugueiras, Ana Curra (Alaska y los Pegamoides, Parálisis Permanente) ou a banda punk estadounidense Surfbort.
Na última semana de xullo, o escenario de Atardecer no Gaiás será para Sheila Patricia o xoves 30, e para Lisdexia, o venres 31. Cunha mirada feminista sobre a tradición, Sheila Patricia é unha das voces destacadas da nova canción de autora en Galicia. Melodías que se moven entre o íntimo e o acústico para xogar tamén coa electrónica, xerando novas texturas sen perder a conexión coa raíz.
Desde Muros —concello que nos últimos anos deu saída a grupos co tirón de The Rapants ou 9Louro— chegan Lisdexia, herdeiros do punk rock desenfadado dos xa desaparecidos —tamén de Muros— Terbutalina. O seu son mestura garage e punk con toques de música tradicional, pop e mesmo funk, cun estilo enérxico pensado para facer bailar.
Os concertos gratuítos seguen na Cidade da Cultura en agosto cos composteláns Dogo, que actuarán o xoves día 6. Na semana seguinte, Atardecer no Gaiás programa tres citas consecutivas: o mércores día 12 será quenda para a música electrónica dos lucenses Galician Army, cun set especial coincidindo co eclipse total de sol; o xoves día 13 subirán ao escenario Israel B, Santa Salut e Silee na segunda edición do Atardecer Fest, dedicado ao rap e ritmos urbanos; e finalmente o venres día 14 pecharemos esta décimo sexta edición do ciclo co electropop do trío chegado de Barcelona Turista Sueca.
Atardecer no Gaiás, que conta un ano máis co apoio de Cervezas Alhambra, encádrase na campaña de verán Para gustos, cultura, coa que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude impulsa máis de 3.600 actividades en 200 municipios de toda Galicia.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último