Quero ser investigadora

A Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo acaba de presentar unha nova edición, a cuarta xa, do catálogo “Quero ser investigadora”, unha das súas apostas divulgativas máis orixinais e efectivas

Cada libro abre unha porta para coñecer a historia de dez persoas.
Cada libro abre unha porta para coñecer a historia de dez persoas.

Entre os obxectivos desta publicación, destacan o de valorar e visibilizar as mulleres científicas contemporáneas, pioneiras en moitos casos, eespertar a vocación investigadora entre as e os máis cativos, con figuras femininas da súa contorna como referencia. Cada libro é unha porta que se abre para coñecer de primeira man a historia de dez persoas que apostaron por facer o que lles gusta e por colaborar no avance da sociedade traballando desde a Universidade de Vigo.

Nesta cuarta edición, ilustrada por Laura Antelo Gómez, difúndese a historia de dez novas referentes. Elas son Inmaculada Anaya Revuelta, Marta Conde Sieira, Laura Docío Fernández, Herminia Domínguez González, Ana Belén Fernández Souto, María Dolores Garza Gil, Águeda Gutiérrez Sánchez, Elena Martín Ortega, Isabel Mociño González e Xanel Vecino Bello.

A interesante iniciativa forma parte das actividades do plan de Ciencia de Ida e Volta, o programa anual de actividades 2023/2024 da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo (UCC+i), que conta co financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT)–Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Dez historias de mulleres loitadoras e apaixonadas pola ciencia

A pesar de pertencer a ámbitos científicos diversos e de que non para todas foi unha vocación temperá, todas as protagonistas comparten a paixón polo seu traballo, a investigación, e recoñecen que é unha carreira de fondo con numerosos obstáculos. As dez investigadoras gozan retándose continuamente, buscando formas diferentes e mellores de facer o habitual e de contribuír, aínda que sexa a pequena escala, a resolver problemas, optimizar procesos e mellorar o benestar da sociedade.

Na presentación da publicación as investigadoras tamén destacaron a importancia de divulgar, de darlle a coñecer á sociedade o que están a estudar, para que a sociedade poida valorar a importancia do seu traballo.

A pesar da gran cantidade de investigadoras que realizan traballos moi destacados dentro da UVigo, segue existindo pouco recoñecemento e visibilidade. Ademais, nalgúns ámbitos, como o aeronáutico, a presenza de mulleres segue a ser escasa. Feitos históricos e crises como a da covid, na que os investigadores duplicaron a produción científica mentres que as investigadoras a mantiveron ou a diminuíron notablemente, demostran que aínda hai moito traballo por facer.

Dende a institución viguesa estanse levar a cabo numerosas medidas para reducir esta «fenda de coidados» por razón de maternidade, conciliación e/ou violencia de xénero, que lles afecta principalmente ás mulleres docentes e investigadoras. Unha das máis destacadas e pioneiras, foi a eliminación do 100 % da docencia para as investigadoras durante o primeiro ano de maternidade e do 50 % durante o segundo, para poder dedicar todo o tempo á investigación e non quedar lastradas.

A universidade é un espazo igualitario, pero segue habendo unha inxustiza de base, un teito de cristal, que ás veces atopan as mulleres na súa carreira científica. Por iso, seguen sendo necesarias accións positivas para conseguir unha igualdade real e efectiva que equipare o seu traballo e permita o seu recoñecemento.

Guía didáctica con actividades para as aulas

A publicación está dirixida ao alumnado de secundaria, tanto da ESO coma do bacharelato, e FP e distribúese nos institutos da Comunidade galega. Os centros educativos tamén poden poñerse en contacto coa UCC+i para solicitar o catálogo.

A publicación “Quero ser investigadora 4” ten tamén unha versión dixital e acompáñase dunha guía didáctica e de contidos gamificados coa ferramenta Genially, para que o profesorado poida traballar co catálogo nas aulas.

Contenido patrocinado

stats