Galicia comeza os seus Xogos Olímpicos

Juegos Olímpicos

Alicia Fernández e Teresa Abelleira comezan hoxe a participación autonómica en París coa vista posta nas medallas

Publicado: 25 jul 2024 - 09:28 Actualizado: 25 jul 2024 - 16:22
As seleccións de balonmán (Alicia Fernández) e fútbol (Tere Abelleira) comenzan hoxe a súa andaina.
As seleccións de balonmán (Alicia Fernández) e fútbol (Tere Abelleira) comenzan hoxe a súa andaina.

Chegou o día, o momento esperado, soñado e loitado para a valdomiñesa Alicia Fernández e a pontevedresa Teresa Abelleira. Tras moita loita, o proceso de clasificación e os partidos, as dúas xogadoras deberían comezar hoxe a súa andaina nos Xogos Olímpicos de París. As dúas forman parte da ampla expedición galega e atópanse nun evento no que estar xa é un premio, pero no que a ambición aparece e apunta ás rondas finais, a pendurarse unha medalla no peito. Iso si, a de Valdoviño terá que esperar para debutar porque, con problemas físicos, caeu onte da convocatoria de España. O seu equipo, a selección de balonmán, inicia ante Brasil (14:00, Teledeporte) a súa andaina nun grupo duro, extremadamente difícil, no que a primeira misión é pasar a cuartos de final. Meterse entre os catro mellores de seis combinados. Unha misión que podería ser sinxela para as ‘Guerreras’, pero que ó recitar os nomes dos opoñentes aparecen os muros e as barreiras: Angola, Brasil, Francia, Hungría e Países Baixos. Con neerlandesas e galas cun punto por enriba do resto, catro seleccións parece que loitarán por dous postos e todas a un nivel similar. Podería pensarse que Angola ou Brasil o baixan, pero teñen unha capacidade claramente comparable á de España.

O enfrontamento de hoxe contra as brasileiras xa é chave. É comezar cun pé nos cuartos de final ou afastarse deles para o colectivo da valdoviñesa Alicia Fernández. Na selección está integrada unha boa representación de técnicos do área de Vigo. De segundo adestrador atópase José Ignacio Prades, residente na Guarda, e como asistente de vídeo na distancia a viguesa Ana Alonso.

Unhas horas despois, a quenda será para Teresa Abelleira que, neste caso, a misión de estar nuns Xogos Olímpicos xa é un obxectivo de por si, pero un pouco menos que a meirande parte de seleccións porque é a vixente campioa do Mundial e da Liga de Nacións. Dous títulos que envían á selección de Montse Tomé ó primeiro posto nos prognósticos á medalla de ouro e con Abelleira como habitual titular na demarcación de mediocentro.

O primeiro encontro é ante Xapón (17:00, TVE1) nunha fase inicial relativamente doada con tres grupos de catro equipos, dos que chegarán a cuartos de final os dous primeiros de cada un e dous mellores terceiros de tres. Un paso que todo apunta a que será accesible, ata doado para a selección que marca a pauta internacional nos últimos anos. O propio combinado nipón, Estados Unidos, Alemania e Francia, como anfitrioa, son outros nomes que aspiran ó podio.

Dúas mulleres galegas que hoxe comenzan a andaina nos Xogos Olímpicos entre os máis de trinta deportistas que estarán no evento. Un soño que xa está cumprido á falta de plasmarse e, soamente para os elixidos, para os gloriosos, para os mellores, será un dos tres chanzos do podio. Os primeiros que teñen a opción de acadalo chegarán da man dos judocas do Famu de Frutos vigués. O mítico club dispón dunha notable representación en París e o sábado, unha hora despois da inauguración, buscarán a presea Fran Garrigós e Laura Martínez, cos ollos postos no primeiro, vixente campión do mundo e quinto no ránking do seu peso. Tamén será o sábado o día que comece a competición ó moañés Rodrigo Conde co seu dobre scull de remo. Apunta ás posicións iniciais e estar na final do xoves un de agosto será unha gran sinal. Outro cangués, Rodrigo Corrales, tamén perderá a cerimonia co desfile polo río Sena porque terá xornada sabatina coa selección española de balonmán ante Eslovenia (9:00). O resto de galegos tentarán estar nun evento inicial que sempre deixa momentos de emoción e, sobre todo, para o recordo dos moitos deportistas que participan. Un momento máximo sen a tensión competitiva.

Contenido patrocinado

stats