Volpato manda na Volta máis cosmopolita
Ciclsimo | Volta a Galicia
O italiano gañou onte por diante dun portugués e un chileno e o ucraíno Bilyi é líder
A segunda etapa da Volta a Galicia Elite e Sub-23 provocou onte unha revolución na xeral. O ucraíno Maksym Bilyi (Cortizo), quinto clasificado na véspera na contra o reloxo inaugural de Ribadumia, é o novo líder dunha carreira que en Caldas de Reis exhibiu a súa cara máis cosmopolita. O italiano Leonardo Volpato (Campana Imballagi) venceu con 5 segundos de vantaxe respecto a un grupo encabezado polo portugués João Silva (Porminho) e o chileno Jose Autrán (Supermercados Froiz).
O pelotón da rolda organizada pola Federación Ciclismo Galego voou nos 138 quilómetros con saída e chegada en Caldas de Reis. A velocidade media foi de 43,9 km/h nun percorrido con catro portos de montaña de 3ª categoría. O primeiro deles, o Alto da Cruz, coroouno en cabeza o andorrano Adriá Regada (Caja Rural–Alea) e, a continuación, o campión de España elite José María Martín (Extremadura-Pebetero) pasou primeiro pola Meta Volante da Estrada, un dos tres sprints bonificados da xornada.
Tardou unha hora en consolidarse unha escapada, un grupo formado por once corredores. Adriá Regada repetiu no Alto do Pontillón de Castro e João Silva levouse a Meta Volante de Caldas de Reis cando empezaban os ataques entre os fugados. A falta de 50 quilómetros, destacáronse en cabeza Adrián Lozano (Technosylva), Bernardo Cambareri (Lasal Cocinas) e Ibán Gutiérrez (Cortizo), un trío ao que se uniron dende o pelotón Marc Collell e Manuel Recuerda (Telco Maderas), Emilio Llopis (High Level–Gsport), Viacheslav Ivanov (Technosylva) e José Autrán.
O arxentino Cambareri levouse a Meta Volante de Barrantes e perdeu contacto cos seus compañeiros nas primeiras ramplas de Monte Lobeira, unha das dúas subidas que se atopaban dentro dos últimos 20 quilómetros. Mentres que Autrán lideraba aos sete fugados no cumio de Lobeira, o pelotón rachábase por completo tras un ataque de Bilyi, ao que só puido responder Dario Giuliano (Caja-Rural-Alea). O paso por Vilagarcía exerceu de antesala do ascenso ao Pousadoiro. Antes de que os dous perseguidores contactaran coa cabeza da proba, Volpato lanzou a súa ofensiva no derradeiro porto do día e marchouse en solitario. Dende o premio da Montaña ata a meta en Caldas de Reis restaban 7 kilómetros, nos que se viviu unha apasionante persecución. O italiano, de 21 anos, aproveitou a falta de entendemento por detrás e ergueu os brazos nun final agónico.
Bilyi fixo cuarto a cinco segundos e asaltou o primeiro posto da xeral, dado que ningún dos tres representantes do Caja Rural-Alea que na ‘crono’ asinaran unha tripla conseguiu seguir a roda do ucraíno do Cortizo, novo propietario da camisola amarela con nove segundos de marxe respecto a Autrán e Giuliano. O resto de clasificacións tamén cambiaron de líderes menos a de mellor galego, que continúa encabezada por Martín Rey. O maillot da Montaña pórtao Regada; o das Metas Volantes, Silva; e o de mellor sub-23, Giuliano.
A terceira e penúltima xornada da Volta 2025, con Barreiros de saída e chegada, está chamada a ser hoxe a máis decisiva. Ao pelotón Elite e Sub-23 agárdalles un percorrido para escaladores na Mariña Lucense. En 147 quilómetros, os ciclistas terán que superar catro portos de montaña e un desnivel acumulado de 2.500 metros na estrea do municipio de Barreiros como anfitrión da rolda.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Balonmano | European Cup
El Guardés, entre la filosofía propia y romper las cadenas
Fútbol sala | Segunda División
El Bembrive gana en casa para aferrarse a la quinta plaza