Un Rías Baixas abrasador e ata con paraugas

Rally

Miles de persoas seguiron o rally con mención especial para o monte do Castro

O Rías Baixas fixo as delicias do público no monte do Castro, no que apertou o calor.
O Rías Baixas fixo as delicias do público no monte do Castro, no que apertou o calor. | Vicente Alonso

Rally abrasador, agónico, de fume. O botaban os coches da competición, pero tamén parecía saír do asfalto e dos corpos dos centos de afeccionados que acudiron a seguir o Rías Baixas, unha cita que amosa o seu tirón entre os seguidores á velocidade e que tivo na alta temperatura, altísima, a súa principal protagonista.

Así o viviron os moitos seguidores que acudiron ás estradas ó longo do día e que procuraron unha sombra tras outra para poder soportar un sábado no que a auga, os refrescos ou calquera outro líquido elemento era algo máis que necesario, obrigatorio. Un consello médico, sempre que se manteña o cero cero.

No monte do Castro, os seguidores tiraban de teléfono para filmar as mellores manobras ou, polo menos, as que quedaban preto e, entre vehículo e vehículo, os seguidores utilizaban diversas prendas e, incluso, paraugas, moitos paraugas para tapar o sol. Un elemento tan popular en Galicia, pero que nos meses de xullo acumula po e arañeiras nos recunchos de cada casa. Onte foron o mellor parasol. Se algo podía parar o abafante calor.

Xente no monte, xente na cidade, na entrega de premios e ata no parque pechado de Samil onde dos bañistas paraban ante a montaxe despregada, aínda que eran dos poucos con outras preferencias. Noutro lugar, algún seguidor utilizou a bicicleta para chegar ós treitos. Cada un cos seus vehículos.

Contenido patrocinado

stats