Balonmano | Liga Asobal
Por unas felices fiestas
Atletismo
A primeira vez sempre é un universo inexplorado. Un pode preparar o día con mimo, facer todo o posible para que vaia ben, coidar todos os detalles… Pero iso non garante a felicidade. Iso si, parte da satisfacción está no proceso e se, ó chegar o día, todo sae como se imaxinou ou, incluso, mellor, é unha verdadeira enchedela de felicidade. Así sucedeulle onte na Vig-Bay a Rubén Pires e Carmela Cardama. Seguramente, a algún atleta máis porque foi a edición con maior número de debutantes, pero os dous estreáronse nunha media maratón e o fixeron coa primeira praza. Xornada para o recordo nun día agarimoso, solleiro e limpo, onde a paisaxe da Ría de Vigo amosou a súa mellor faciana. As vistas chegaban ata as Cíes sen problema.
Auténtica sesión de felicidade individual dos gañadores e tamén colectiva porque remataron o evento 5.725 atletas. Récord absoluto, xa que o anterior rexistro estaba nos 4.784 do ano 2015. A estes números axudou a Mini Bay, da metade de percorrido, que tivo como gañadores ó asturiano Mariano Díaz e á ourensá Purificación Anegas, toda unha máster 55 anos no alto do podio.
En homes, a vitoria na media de Pires devolve a un atleta portugués ó alto do caixón e funciona case como un símbolo porque, edición tras edición, os atletas ó sur do Miño cruzan a fronteira para correr unha media maratón que é unha verdadeira referencia. Ademais, no ano con maior número de debutantes en dúas décadas, o triunfo foi para un deses atletas novos e con 21 anos. Reflicte un cambio de xeración porque chegou a felicidade iniciática nunha carreira fermosa, ó sprint e loitada con outra promesa do atletismo, neste caso o pontevedrés Hugo García Souto. Xuventude ó poder.
Catro homes desfixeron o pelotón no primeiro treito da Vig-Bay. Ademais dos dous primeiros, Jorge Puig Malvar, gañador en 2023, e Manu Lorenzo formaban o cuarteto destacado que saltou polos aires a partir do quilómetro quince, cando o portugués acelerou cara á a vitoria seguido do vigués. E o man a man chegou á recta de meta nun fermoso espectáculo que levaba anos sen vivirse. Ata neste detalle tamén resultou unha Vig-Bay especial: a emoción chegou ós derradeiros metros. E gañou o luso. O pontevedrés volverá, seguro, porque a primeira vez pode ser unha enchente de felicidade, pero tamén pode ser á cuarta ou á quinta.
Para Carmela Cardama a emoción desbordou, polo debut, polo imprevisto e polo escenario. Un problema burocrático levou á de Coruxo á liña de saída e trocou unha voda “desas americanas de tres días con festexos”, como recoñeceu, por estar na Avenida de Samil. Apuntouse a última hora e gañou en solitario, como realizan as atletas galegas de ámbito internacional de cando en vez. Ós dez quilómetros xa tiña unha boa renda sobre a guardesa Eva Piñel, que busca estrearse no palmarés da proba. Chegará máis pronto que cedo polo seu nivel. Non atina coas rivais os anos que corre.
De regreso a Carmela, pouco a pouco, colleu sentimento sobre o que pode ser a felicidade atlética. Rememoraba que esta proba a correron os seus pais en varias ocasións: José Cardama e Concha Báez. Eles nunca subiron á primeira posición, pero si a última -que igual non derradeira- da saga familiar. E os ollos brillaban cando falaba do día que pasou e dos anos malos anteriores, con lesións en Estados Unidos. Das insatisfaccións e do que é correr polas estradas nas que o facía dende pequena e que percorre agora no ano que vive en Galicia. Recordos da pequena de Coruxo que triunfou na casa e, cada cinco ou dez metros, saudaba a un competidor diferente, a un coñecido, a un amigo do atletismo ou da vida. E así, chega a enchedela.
O evento, dende 2022, conta coa Mini Bay, que é a metade de percorrido da media maratón e que comeza a exercer de canteira da distancia longa, ademais de ser especialmente elixida polas mulleres, que superaron en participación ós homes. Neste caso, en cen corredoras máis, algo moi raro no mundo do atletismo popular. A primeira posición asinouna o asturiano Mariano Díaz, profesor con casa na Ramallosa, que superou nun fermoso man a man ó redondelán Anxo Otero. En mulleres, a vitoria foi para Purificación Anegas e resultou un triunfo de moito mérito, xa que é unha deportista que supera os 55 anos de idade e foi a primeira nun día con notable participación feminina e moita mocidade.
Pouco a pouco, os atletas pasaban polo arco de chegada, cada un coa súa historia persoal, cada un co seu esforzo nun día especialmente fermoso no meteorolóxico ata chegar ó récord da Vig-Bay en conxunto e rozar a plusmarca na media maratón, que remataron 4.504 atletas. Terceira cantidade da historia e preto dos 4.785 de 2015. Números realmente bos nunha edición con gañadores debutantes e moita xuventude. Unha Vig-Bay de facianas novas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Balonmano | Liga Asobal
Por unas felices fiestas
Balonmano | División Oro
El Carballal busca en casa la tercera victoria de la temporada
Lo último