A Liga Galega conta con 25 botes preinscritos
Traiñeiras
Todas as traiñeiras da Ría de Vigo repiten agás o filial masculino de Chapela e o barco feminino que Cesantes compartía con Bueu
A Liga Galega de Traiñeiras fixo pública onte a relación de barcos anotados para a competición do 2026. Un total de 25 botes -un menos ca o ano pasado- vogarán o vindeiro verán nas citas autonómicas sempre e cando se confirme a inscrición definitiva no mes de marzo. En total son 17 tripulacións masculinas -unha máis ca tempada pasada- e 8 femininas -dúas menos-. A Ría de Vigo mantén tódolos seus representantes agás a embarcación filial de Chapela, que desta volta somentes remará coa traiñeira principal, vixente campiona da Liga A.
Deste xeito, a relación de equipos de homes contempla as novidades de Cabo da Cruz, que descende dende a ACT, e Rianxo e Riveira, que entran na competición. Ademáis da amentada baixa do segundo barco berete, tampouco concorrerá no 2026 Urme, tripulación conxunta entre Esteirana e Muros, que fica en terra por un desacordo entre ámbalas dúas diretivas.
Resta ver como distribuirá a Liga as 17 traiñeiras entre as dúas divisións. O que está claro é que a primeira categoría terá 10 embarcacións, polo que a segunda irá a 7. O descenso de Cabo da Cruz empurrará ó seu filial á B e A Cabana-Ferrol, ascendida o ano pasado, debería vogar na A. Do mesmo xeito, Cesantes apunta a competir no segundo chanzo despois de ser última o ano pasado. Mais será en marzo, cando se confirmen os inscritos, cando se saiba o reparto definitivo.
No que respecta ó evento feminino, baixa de 10 a 8 traiñeiras. Cesantes-Bueu non participará, igual que A Cabana e Mecos. Esteirana é a novidade. Por suposto, Chapela e Tirán seguen.
Os inscritos
17 masculinos
Tirán, Samertolameu, Castropol, Bueu, Narón, Mugardos, Mecos, Cabo da Cruz*, Cesantes, A Cabana-Ferrol, Puebla, Chapela, Bueu B, Perillo, Rianxo*, Cabo da Cruz B e Riveira*.
*Novos barcos
**Do 2025, non se inscribiron Urme nin Chapela B.
8 femininos
Chapela, Tirán, Amegrove, Cabo da Cruz, Perillo, Rianxo, Castropol e Esteirana*.
*Novo barco
**Do 2025, non se inscribiron Mecos, A Cabana nin Cesantes-Bueu.
Contenido patrocinado
También te puede interesar