O Guardés volve á liga sen Nerea Gil e con xuvenís

balonmán

O Guardés, co partido de hoxe inicia un xaneiro cargado de encontros porque tamén debe afrontar unha eliminatoria da European Cup ante o Erice italiano

Ana Seabra, adestradora do Guardés, celebra un tanto.
Ana Seabra, adestradora do Guardés, celebra un tanto. | J.V.Landín

O Mecalia Atlético Guardés recibe esta tarde (19:00) a un Zonzamas Plus Car Lanzarote que é un dos equipos ascendido este curso á División de Honra feminina e, pese a facer importantes incorporacións, está situado na antepenúltima posición con catro puntos. Polo tanto, loita por evitar a praza de descenso directo que agora ocupa o Ciudad de Arrecife, sen puntuación. Iso si, parece condenado a xogar a liguiña para evitar o segundo posto que conduce á categoría Ouro.

Neste mercado de Nadal, o equipo canario moveu o banco co troco de adestrador, xa que Juan Rivera relevou a Juanmi Pérez, e, ademais, foi despedida unha histórica do balonmán español como Lorena Zarco. Trocos para tentar mellorar na segunda metade de curso. Os nomes destacados do equipo de Lanzarote son Marie Louis, ex xogadora do Bera Bera, Agustina López, Alicia Robles ou Paula García. Xogadoras de nivel que non evitaron un rendemento baixo do seu equipo. Tamén se atopa na formación a extremo zurda canterana do Porriño Claudia Kaulback.

No tocante ó Guardés, co partido de hoxe inicia un xaneiro cargado de encontros porque tamén debe afrontar unha eliminatoria da European Cup ante o Erice italiano. A central Nerea Gil segue de baixa, mentres que entraron na convocatoria as xuvenís María Español e Melina Rodríguez. A vitoria é chave para manter a segunda praza.

Contenido patrocinado

stats