Un corazón latexando a 3.3 para ter vida

Balonmano | European Cup

O Porriño remontou cunha defensa aberta para empatar ante o Valur na ida da final da European Cup, que terá a resolución o sábado en Islandia (17:00)

Publicado: 11 may 2025 - 09:24 Actualizado: 11 may 2025 - 10:53
Aitana Santomé entra na defensa do Valur no partido xogado onte no Municipal do Porriño.
Aitana Santomé entra na defensa do Valur no partido xogado onte no Municipal do Porriño. | Vicente Alonso

Viva o balonmán xogado co coitelo entre os dentes, viva o balonmán de defensas abertas, viva o balonmán do atrevemento táctico, viva o balonmán afrontado con planificación, pero tamén con corazón. Soamente con este balonmán, cunha filosofía de traballo, velocidade e atrevemento, o Conservas Orbe Zendal Porriño ten a opción de acadar o vindeiro sábado o título da European Cup porque onte salvou un partido e unha eliminatoria cando estaba con cinco goles abaixo no comezo da segunda metade, pero aí apareceu unha nova volta táctica no libro de Isma Martínez e foi executado con fe, con atrevemento e ata cun punto de tolemia polas súas xogadoras.

Así, na pista do Municipal louriñés observouse unha defensa 3.3. Que o preparador nega, indica que é 5.1 e son as xogadoras as que, coa súa confianza, a fan tan profunda como o lago Baikal. Non obstante, é certo que el tamén as empurraba para saír porque, despois de algo máis de media hora, o Porriño atopaba o xeito, a maneira, de facer dano a un Valur islandés que amosou ós motivos polos que está na final. É un gran equipo no colectivo e tamén dispón de individualidades de calidade superior. Así, o partido resultou un agasallo ás 2.000 persoas que encheron ata a bandeira o pavillón.

Todo comezou cun gol de Aitana Santomé e a posterior parada de Fátima Ayelén, que permitían comezar o encontro con optimismo. Resultou ben alonxado da realidade, un ‘false friend’ do inglés. Pouco a pouco, o Valur comezou a impoñer o seu xogo. Cunha defensa dura, ó extremo, que acumulaba exclusións, parou a un Porriño que non atopaba os camiños cara o gol. Aitana Santomé non atopaba os espazos no un para un, Paulina Buforn tampouco os lugares de lanzamento e Caro Bono apenas encontraba ocos entre os corpos grandes islandeses. O enfrontamento ía a poucos goles ata o 5-5 posto por Casasola dende o lanzamento de sete metros.

Desperdiciaba o equipo de Isma Martínez as superioridades numéricas e o Valur entendeu que os buratos estaban en cargar o xogo na zurda Thea Imani –unha xogadora de primeiro nivel europeo–, que entre tamaño e combinacións afundía a defensa. Así, sacou sete metros tras sete metros o equipo visitante para felicidade de Lilja Agustsdottir, que anotou oito sen erro. Torturou a Ayelén –destacada noutros puntos do campo– e Palomino, que non estiveron nin preto de parar algún. Na primeira metade chegou a meter catro seguidos mentres o Valur abría rendas ata o 12-16 do descanso con tanto de Thea Imani no último segundo.

Por aquel entón, Isma Martínez xa ía pola segunda parte do libreto táctico. A que fala de xogar con dúas pivotes, a de poñer o 5.1, a de trocar a primeira liña ata a terceira ou cuarta configuración. Todos eran intentos por atopar o método para facer dano, pero soamente o atopou Mica Casasola coa súa escordadura de nocello. Aguantou ó equipo cando nada saía. Moi necesario.

No segundo tempo, Maddi Bengoetxea, co nariz con sangue, regresou ó campo e Isma Martínez volveu ó 5.1 con Aitana Santomé coa impoñente Thea Imani, Laguna na punta e a vasca no outro posto alto. E a zaga pasou a ser un auténtico 3.3. E, por fin, chegou o momento desexado, o de facer dano ó Valur que ía camiño de marchar do Porriño coa final gañada. Pasouse do 13-18 a un 18-18 coa aparición de Zhukova dende o pivote. Polo camiño apareceron os roubos de balón, as perdas forzadas e as paradas de Fátima Ayelén, que axudou e moito baixo paus. Soamente un par de exclusións e os lanzamentos da extremo zurda Porey Anna pararon a reacción do equipo de Isma Martínez.

E o enfrontamento chegou ós últimos dez minutos noutra dinámica porque, a partir da retagarda, medrou o ataque local. A propia Aitana Santomé, algo ‘incómoda’ no primeiro tempo, volveu a ser a das grandes tardes europeas no un para un. Desbordaba unha e outra vez para acumular goles e o Valur íase dous arriba e igualaba o conxunto local ata poñerse 28-27 por diante no marcador no terceiro intento. Quedaban tres minutos e todo indicaba que incluso a viaxe ata Islandia podería ser con renda a favor, pero chegou a terceira exclusión de Zhukova a falta de tres minutos. Quedaba minimizar danos e o logrou Casasola co empate definitivo no último segundo. Un 29-29 que non permite chegar con renda a Reikiavik, pero que deixa a eliminatoria aberta. Parece pouco, pero é moito porque existiu un risgo real, palpable e notable de perder a final no primeiro encontro. Non sucedeu porque ó Porriño xogou con todo.

Porriño 29 - Valur 29

Conservas Orbe Zendal Porriño:

Ayelén (p.), Ana Palomino (p.s.), Zhukova (3), Bono (4), Casasola (10), Campo, Valles (1), Aitana Santomé (6), Aroa Fernández, Maider Barros (2), Sarai Samartín (1), Paulina Buforn (2), Maddi Bengoetxea, Moreno, Laguna.

Valur: 

Hafdis (p.), Silja Arngrimsdottir, Sigriour Hausdottir (3), Silja Arngrimsdottir, Asthildur Porhallsdottir, Hildur Bjornsdottir (1), Porey Anna Asgeirsdottir (11), Asdis Pora Agustsdottir (1), Elisa Eliasdottir (3), Gourun Hekla Traunstadorttir, Hildigunnur Einarsdottir, Thea Imani Sturludottir (3), Elin Rosa Magnusdottir (5), Lovisa Thompson (2).

Parciales

1-2, 2-3, 5-5, 5-8, 8-10, 12-16 (descanso), 15-18, 19-20, 21-23, 23-25, 27-27, 29-29.

Árbitros

Ioannis Fotakidis e Charalampos Kinatzidis, de Grecia. Expulsaron con cartón vemello con Zhukova (min. 57) e excluiron dous minutos a Maddi Bengoetxea; Lilja (2), Elisa (2), Hildigunnur, Thea Amani e Lovisa Thompson.

Incidencias: 

Ida da final da European Cup. 2.000 persoas.

Contenido patrocinado

stats