Co peito descuberto ou co escudo
A tarde deixou ver corpos ó aire e a Iago Aspas como líder da despedida trala derrota
Ollada á bancada de animación, na que golpeaba o sol da tarde. A temperatura era alta, a afección fervía e, entre o celeste, comezou a verse a color da pel. Non hai mellor día para ir a peito descuberto que nunha eliminatoria europea na que buscar unha milagre. Era unha xornada para dálo todo e deuse. Polo menos, ata que a realidade en goles obrigou ós primeiros silencios. 21.955 seguidores encheron o campo de Balaídos.
Os momentos sen ruído foron poucos e nun deses días de ritual, de crear afección nun partido que xa quedará para a historia, pese a enchente de goles en contra. É un perigo, algo inherente ós equipos que saben máis o que é perder que gañar, pero de loita no campo e na bancada. E, como día grande, Abraham Cupeiro fixo soar o carnyx da idade de bronce para alentar a remontada, como hai un par de meses retumbou no Stadre France con motivo do Francia-Inglaterra de rugbi que rematou con vitoria gala por dous agónicos puntos e tras ir por detrás todo o choque.
Cupeiro e o seu carnyx, que remata en cabeza de xabarín, aportaron o seu, pero igual careceu o Celta dalguén como Louis Bielle-Biarrey -xogador galo de rugbi-. Aínda que iso xa é outro tema. O músico, acompañado por cinco bombos, realizou unha actuación que invita á loita, a cruzar a Ría de Vigo con temporal ou a subir á azotea de Praza do Rei polas escaleiras.
Por aquel entonces, xa estaba no aire do fondo unha bandeira de Palestina. Despois apareceu unha pancarta quilómetrica co “vencer ou morrer, ate o último alento”. Sería máis o segundo que o primeiro, pero é unha opción que ninguén contemplaba. Iso é para outros. Para a bancada queda berrar, alentar e sacar as cantigas de ánimo. Pouco a pouco, cos goles, apareceu algún que outro silencio e ata escoitábase no poleiro contrario ós seguidores do Friburgo, que viviron unha verdadeira festa. Polo Celta, íanse acusando os goles e o que máis se notou foi o terceiro. Sería como unha pausa para regresar ós ánimos ata o final. Quedaba a despedida.
Resultou emotiva, como nos días grandes, porque pese a derrota era un partido dos históricos. Liderou Iago Aspas os pasos ata a bancada de animación. Seguidores e xogadores falaron e cantaron. As bágoas cubrironse de ánimos nun partido do peito ó aire ou co escudo do Celta, como Aspas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último