Ó berro de “Aidoo, MVP”
A afección do Celta comezou fría, para rematar ó máximo cos goles e a tarefa do central
A hora de xantar continúa sendo un deses horarios raros para o fútbol, no que o afeccionado non sabe se encher o estómago antes ou despois do encontro e no que, finalmente, opta por solucións ás medias, aínda que sexa meter o bocadillo, se é de xamón mellor, no campo. En todo caso, deixa o ambiente algo frío, algo de inverno. Pese a que ‘Oliveira dos Cen Anos’ sempre serve para quecer á bancada, tardou en iniciarse onte e non foi ata o primeiro minuto, cando comezou a rodar o balón, que chegaron os ánimos claros dende a bancada.
O segundo comezo ambiental chegou tras errar o Valencia a súa pena máxima a favor. Aí medrou o ruido que estourou no penalti anotado por Borja Iglesias e, despois, co segundo gol do santiagués na reanudación. Non obstante, os grandes momentos do día chegaron tras un corte de mérito e un bo pase de Joseph Aidoo cando máis apertaba o Valencia. Primeiro cun “Aidoo, Aidoo” colectivo e, segundos despois, cun “Aidoo, MVP”. Ánimos para un xogador do que se falaba que podía abandonar a formación neste mercado invernal e que remata contrato en xuño. Onte foi o seu segundo partido completo en liga. Tamén cubriu o partido contra o Osasuna (2-3) en outubro e un cuarto de hora contra o Alavés (0-1) en novembro. A iso engadiu outros dous encontros na Copa do Rei.
Rematou o partido e o ghanés e celebrou a vitoria na foto colectiva na que Radu, pese a un golpe na cabeza, situouse boca abaixo. Todo isto na festa celeste na hora de comer e mentres máis dun espectador desfilaba no desconto para gañar mesa. Felicidade, con fame.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último