A Movida, estrela da efervescencia cultural galega nos anos 80
Cultura
Fernández Rego presenta un libro onde 70 grupos galegos conviven na época dos fanzines, a renovación plástica e do inicio do audiovisual
“Anos 80. Movida, atlantismo, vangardismo, underground”, de Fernando Fernández Rego (Ferrol, 1979) fai un repaso a unha década “intensa e rupturista que marcou o futuro da música e das artes en Galicia”, tal e como explica o autor no limiar. Aborda unha revolución cultural liderada por Vigo, na que fai co-protagonistas á Coruña e a outras localidades como Ourense, Ferrol, Lugo, O Morrazo ou Monforte. “Hai uns anos saquei tamén con Galaxia unha historia da música en Galicia e ao facer os capítulos dos 80 tiven que axustar e decateime de que moitas cousas tiñan que quedar fóra, de aí nace este libro”. Así, fai un repaso da Movida viguesa e do movemento contracultural, pero tamén de Rompente e de Ronseltz, do Atlantismo, dos fanzines, a gravación de maquetas con el produtor vigués Bibiano Morón ou do comezo do audiovisual en torno ás escolas de Imaxe e Son de Vigo e de Coruña, rematando cun achegamentos aos públicos que naceron neste contexto.
“O epicentro foi Vigo, logo tamén Coruña e aquí quixen amosar outras escenas máis deslocalizadas, reivindicando una análise máis global”. Se a revolución comezou no sur, tamén foi aquí onde comezou a apagarse, no 1986, tal e como advirte o autor.
“Recollín as distintas valoracións que hai sobre estes anos, para algúns foi o momento máis importante da súa vida, para outros un fito importantísimo a nivel musical e cultural, pero tamén hai xente moi crítica con esta efervescencia que contribuíu a invisibilizar outras cousas”.
Pero a idea principal que propiciou esta publicación foi en palabras de Rego, “amosar aos grupos dos 80 que había máis alá dos grandes, Aerolíneas Federales, Siniestro Total, Golpes Bajos o Os Resentidos, propúxenme profundar máis aló da primeira liña, chegando incluso ás agrupacións que quedaron en estado de maqueta, pero que tiveron e teñen a súa importancia. Un exemplo sería Voces de Ultratumba, o primeiro grupo punk de mulleres, que reeditamos e que tivo moi boa acollida entre a nova xeración, é unha proposta totalmente descoñecida que calou moi ben”.
A saída da ditadura, unha xeración animada con “darlle cor a vida tras tanto tempo en branco e negro, creou novos xeitos de expresión. “O contexto contribuíu, pero esta efervescencia foi posible porque coincidiu xente moi boa nos seus campos, foi unha conxunción, eclosionaron nun mesmo espazo-tempo”. Para Rego, todo tivo que ver na Movida e na revolución dos 80, tamén o cambio na hostalaría propiciada por empresarios como Morón. “Antes non tiñas onde ir e de súpeto abren un montón de sitios polos que saír, Vigo comeza a mudar”.
O libro presentarase o vindeiro mércores 30, ás 20 horas, na sala Kominsky, un dos escenarios nos que se vivíu esa revolución e que deixou pegada. “Só temos que ver como viste a mocidade, volve a moda dos 90, volven os cassette; as bandas que saen agora están influidas por ese legado, aínda que non escoitaran falar dos grupos de entón”. Con todo, Rego asegura que esa filosofía está aínda vixente. “Hai moitos aspectos que se poden reivindicar hoxe, o underground segue a funcionar, mantéñense o fanzines, aínda que se envíen por email; os temas de Rompente continúan a ser transgresores, as súas polémicas, como o sector naval, non envellecen”. Na súa análise, ao autor interésalle o aspecto da autoxestión, “o underground sempre estivo colapsado por mainstream”.
Aquela época aínda segue viva. Sinala como moitos están en activo, Teo Cardalda ou Pablo Novoa; outros como Siniestro Total chegaron aos 40 anos, iniciáronse os primeiros estudos de gravación que aínda traballan e naceron novas profesións. “Neses anos se estableceron os alicerces na cultura actual, incluso foi importante na descentralización da información, desprazáronse os primeiros xornalistas de Madrid para cubrir a Movida dende Vigo”.
Foi unha revolución galega, fundamentalmente viguesa, pero non en galego. “O movemento poético si estivo máis ligado ao idioma, pero na música, agás Os Resentidos e algunha canción solta non existiu esa reivindicación. Aínda que si existía un sentimento de identidade e defensa do propio en grupos como Siniestro con cancións como ‘Rock en Samil’ ou 'Non somos de Monforte".
“Anos 80. Movida, Atlantismo, Vangardismo, Underground” non está feito para só para iniciados, o autor insiste no seu obxectivo divulgativo: “A miña idea é que estea ao alcance de todos, non fai falla ser un especialista da música para entendelo”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar