val miñor

Rosalía de Castro, un símbolo de liberdade que recorrerá os mares

O volanteiro “Pirueiro” onte en Baiona, co rostro de Rosalía na súa vela.
photo_camera O volanteiro “Pirueiro” onte en Baiona, co rostro de Rosalía na súa vela.
 Con permiso de Carvalho Calero, escritor homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas, Rosalía de Castro tamén foi onte protagonista nun acto que puxo en valor a figura da escritora de Padrón. A imaxe da autora máis senlleira da literatura galega ondeará nos mares grazas ao tributo que lle brindou a Asociación Piueiro da Guarda, que onte estreou a súa nova vela coa imaxe de Rosalía e a lenda “Eu son libre”. 
Joaquín Cadilla, presidente da Asociación e home de mar, explicou que elixiron a figura da poetisa como emblema por ser “a atadeira da nosa cultura e, desde o ano pasado, tamén estrela no firmamento que nos guiará nos roteiros polo océano da nosa cultura, de porto en porto. Da Guarda a Ribadeo”.
A estrea da vela coincidiu na mesma semana da morte de Staffan Mörling, etnógrafo e antropólogo sueco que, desde a súa primeira visita a Galicia en 1964, converteuse nun gran coñecedor, defensor e divulgador da cultura mariñeira galega. O seu recordo tamén foi izado coa simbólica vela do “Piueiro” tras un sentido minuto de silencio durante o acto celebrado no Monte Real Club de Iates de Baiona, onde hiberna o volanteiro, o barco reconstruído pola Asociación Piueiro, á espera de volver a casa: o porto da Guarda. 
No izado da vela coa imaxe de Rosalía recitouse un fragmento de Cantares Galegos mentres as gaitas clamaban o himno do antigo Reino de Galicia antes de soltar ao vento o himno oficial. Desde Baiona, o “Pirueiro” partirá cara A Guarda cando a pandemia o permita, en viaxes educativas e culturais.
Neste acto celebrado para conmemorar a figura de Rosalía no Día das Letras Galegas participaron, ademais dos membros da asociación, a madriña e o padriño da embarcación: Paula Alfonso e Javier de la Gándara.
O buque “Pirueiro” é un volanteiro, un tipo de embarcación tradicional do que se ten referencia desde o século XVII. Estas embarcacións viviron o seu momento de maior gloria no século XIX e desapareceron a comezos do XX, coincidindo coa aparición dos arrastreiros. 

Te puede interesar