A UVigo, canteira de tradución de videoxogos

A Universidade de Vigo, a través do seu título propio de especialista centrado nesta industria creativa, consegue cada ano que dous de cada tres dos seus estudantes logren entrar a traballar neste medio

Un mozo cun videoxogo.
Un mozo cun videoxogo.

A Universidade de Vigo acolle xa dende hai seis anos o título propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo, unha formación orientada a dar cabida a unha demanda en auxe como é a da localización de videoxogos.

Idea orixinal de Óscara Ferreiro Vázquez, o ETIV comezou a desenvolverse no curso 2018/19 por tres docentes do grupo de investigación Tradución & Paratradución da Facultade de Filoloxía (Óscar Ferreiro Vázquez, Ramón Méndez González e José Yuste Frías), aos que se uniu Emmanuel Bourgoin Vergondy na súa segunda edición. Polas súas aulas pasaron máis de 140 alumnos nas súas seis primeiras edicións e o éxito colleitado por estes estudantes é notorio, xa que segundo os últimos datos de inserción laboral dispoñibles, o 70,8% do alumnado do ETIV xa atopou traballo na industria do videoxogo.

Un dato que describe á perfección a eficacia deste curso de especialista, que a día de hoxe é un dos títulos propios máis demandado da UVigo, xa que foi pioneiro na universidade española, e que converte á Facultade de Filoloxía nunha verdadeira canteira de tradución de videoxogos.

Un dos ‘segredos’ do éxito do ETIV é a forte relación coa industria grazas a docentes como Ramón Méndez, que é un dos tradutores máis prolíficos en España do sector, e que asegura que dende o ETIV sempre procuran que os estudantes poidan comezar a encher o seu ‘portfolio’ con diversos traballos de localización e revisión en videoxogos a través das prácticas que inclúe o propio título, o que lles permite ter un importante contacto coa industria antes de rematar a súa formación.

Ata o de agora, exalumnos do ETIV localizaron ao galego xogos como “The Waylanders” (o videoxogo máis ambicioso da historia desta industria en Galicia, desenvolto polo equipo coruñés de Gato Studio), “Ruin Raiders” ou a novela visual creada polo coruñés Roberto Alvite “Ti primeiro”. En canto a títulos traducidos –total ou parcialmente— por alumnado do ETIV ao español, destacan “There Is No Light” (un videoxogo independente de culto que colleitou moito éxito no que tanto a tradución como a revisión estivo a cargo de estudantes deste título propio), Little Misfortune (unha historia interactiva sueca cuxa tradución estivo revisada por alumnado do ETIV) ou o RPG (xogo de rol) francés “Edge of Eternity”.

“Dependendo do tipo de prácticas que podemos conseguirlles, ás veces os alumnos fan todo o traballo e outras nos axudan en traducións para as que nos contratan a nós”, sinala Ramón Méndez. De feito, un dos exemplos máis recentes disto último é a localización ao español de “Dustborn”, un xogo de acción cunha narrativa moi peculiar dirixido polo noruegués Ragnar Tørnquist, que definiu as aventuras gráficas modernas: “A tradución a diriximos Alba Calvo (tamén docente no ETIV), Juan Ramón Acedo (antigo docente no ETIV) e máis eu, pero algúns alumnos fixeron as prácticas botándonos unha man e baixo a nosa supervisión, xa que se trata dun xogo de máis de 200.000 palabras”, apunta Méndez.

Contenido patrocinado

stats