O xornalista aventureiro Tintín volve falar galego grazas a tres alumnos da UVigo
Para manter a coherencia e a conexión entre os cómics e o xogo elaboraron unha especie de ‘glosario’
A tradución ao galego da máis recente aventura de Tintín levada aos videoxogos, “Os xarutos do faraón”, é un dos últimos exemplos de localizacións feitas integramente por alumnado do ETIV, na UVigo. Neste caso, Paula Regueiro e Lois Agrelo ocupáronse da labor de tradución e a súa compañeira de promoción Ana Doval, que xa traducira xunto con Ramón Méndez e Alba Calvo o mesmo xogo ao castelán, traballou como revisora. Unha iniciativa de Pendulo Studios, desenvolvedora do videoxogo, e Josué Monchan, guionista e docente no ETIV, que se comprometeron a levar este xogo ao galego.
“Lois e máis eu tiñamos pendente facer unhas prácticas do ETIV e cando Ramón nos presentou esta oportunidade, aproveitamos a ocasión”, sinala Paula. Ana, que xa coñecía o título e os problemas que podía ofrecer á hora de localizalo, non o pensou cando Méndez lle propuxo ser revisora: “Encántanme os videoxogos e tamén o galego, era unha oportunidade que non podía deixar pasar”.
Para Lois foi un proxecto moi especial e emocionante porque “son moi fan de Tintín e xustamente esta era unha das miñas aventuras favoritas”. Pero ao tratarse dunha franquía tan histórica e seguida como a de Tintín, os tres mozos sentiron a responsabilidade de “conseguir que os fans poidesen sentirse identificados con como escoitaban ou lían a Tintín nos cómics en galego”, como expresa Paula.
“Había que buscar o equilibrio entre reflectir as expresións de Tintín nos cómics dos anos 80 e adaptalas ao medio e contexto actual”, apunta Ana, aínda que, como descubriron ao longo do seu traballo de localización, os creadores do videoxogo estaban moi versados na “mitoloxía tintiniana”, como describe Lois. Para manter a coherencia e a conexión entre os cómics e o xogo, os tres elaboraron unha especie de ‘glosario’ coas diferentes expresións de Tintín e a súa equivalencia en galego, unha ferramenta que lles facilitou moito a súa labor.
Os tres comparten paixón por este medio audiovisual e a tradución. “Eu levo xogando dende pequena e no momento no que vin que a miña saga favorita ('Ace Attorney') apenas tiña títulos en español comecei a investigar como funcionan as traducións. Para min é de xustiza poética e tamén satisfacción persoal poder adicarme a isto”, comenta Ana.
No caso de Lois, o seu interese pola industria vai un pouco máis aló, xa que encantaríalle traballar “en calquera cousa relacionada co mundo dos videoxogos, incluso desenvolver un título propio”, polo que este título de especialista foi unha primeira oportunidade para facerse un oco na industria. A súa compañeira Paula, pola súa parte, sinala que lle fascina a tradución e, en especial, toda a que ten que ver cos medios audiovisuais “porque nos videoxogos ou no cine a creatividade é fundamental para conseguir que a tradución funcione”.
Para o ETIV e os seus docentes, que lles permitiron facer as súas primeiras incursións neste medio, os tres estudantes non teñen máis que boas palabras. “Se por nós fora, engadiríamos máis horas”, sinalan Paula e Lois. “Eu tiña ganas de que chegaran os xoves e os venres para ir a clase”, apunta Ana. Para estes compañeiros de promoción, a calidade da docencia e o sentimento de grupo son o máis especial deste curso.
Contenido patrocinado
También te puede interesar