O son dos estrobos é a música para os remeiros

Formación dos remeiros de todas as categorías que participaron na xornada de adestramento con este xornal.
photo_camera Formación dos remeiros de todas as categorías que participaron na xornada de adestramento con este xornal.
A sesión +Deporte Atlántico contou con sesenta remeiros, de infantís ata veteráns, que ocuparon as traiñeiras e os bateis durante a mañá na enseada de San Simón

Escoitase un son, unha especie de estrondo cada vez que a pá entra no auga e o remeiro aplica a forza. É o particular rosmar do estrobo que realiza a panca no tolete e permite ó remeiro impulsar á embarcación. O son característico da traiñeira no avance polo mar ou polo río. Onte foi pola enseada de San Simón e nas súas bancadas estaban os remeiros de Cesantes, que realizaron un adestramento especial en colaboración con +Deporte Atlántico

 

 

Uns minutos despois do abrente e coa marea alta, saían ó mar dúas traiñeiras. Unha de veteranos, con algúns reforzos das remeiras sénior, e outra coa tripulación absoluta masculina. Ó pouco de comezar a navegación, chegou algo de vento, que foi efémero entre os primeiros raiolos da xornada. O día pasou entre nubes e claros para vivir unha matinal de equipo, de club, sen esquecer o traballo físico e técnico tan necesario nos meses de pretempada. 

Os dous barcos avanzan a bo ritmo baixo a mirada dos adestradores dende as correspondentes zodiacs. Na súa privilexiada posición, dan as ordes oportunas para tentar reconducir os xestos, os detalles que non son de todo finos, mentres os deportistas rachan a suar. Pouco a pouco, os metros consúmense e o reloxo avanza. Nos paros, entre serie e serie, sempre hai tempo para unha bromiña, para algún dato novo ou consello a levar a cabo. 

A traiñeira masculina de Cesantes avanza nun momento do adestramento de onte, que se realizou nunha xornada de bo tempo na Ría de Vigo.
A traiñeira masculina de Cesantes avanza nun momento do adestramento de onte, que se realizou nunha xornada de bo tempo na Ría de Vigo.

Pada a pada, remata a sesión e as embarcacións toman a dirección cara terra para dar o relevo ós máis pequenos. Primeiro, toda a fotografía de familia con todos os participantes no adestramento colectivo de +Deporte Atlántico e o Círculo Cultural e Deportivo de Cesantes. Unhas sesenta persoas acudiron á sesión, que tivo algunhas baixas por motivos laborais e persoais. Algo habitual e, como todo deporte amateur, un contratempo ó que adaptarse para remeiros que tiran do seu tempo libre para poder adicarse a unha disciplina, que tamén é unha paixón.

 

 

Algúns dos remeiros mudan o papel e pasan de deportistas a adestradores para dirixir a sesión dos pequenos da entidade. Os barcos das categorías inferiores, os bateis, entran pouco a pouco no mar para facer a súa xornada de remo. Nalgúns casos, os estrobos tamén se escoitan, aínda que o son é un pequeno asubío. Noutros, no que están os rapaces con menos tempo no remo, bastante teñen con meter o remo no auga ó mesmo tempo que os seus compañeiros de barco. 

Porque, como en toda actividade cunha clara compoñente técnica, a formación do deportista é chave para evolucionar. Tárdase en aprender, pero cada paso adiante é unha satisfacción e nese punto están os cativos que comenzarán a tempada de regatas nos últimos días de febreiro. Algúns coa mirada posta nas posicións cabeceiras e, outros, simplemente co obxectivo de cubrir cada regata. E, como club de formación, Cesantes sempre ten a porta aberta para as persoas que desexen comezar con esta actividade deportiva, que combina esforzo individual, dinámica de grupo e traballo físico completo.

No caso do club de Redondela, son moitos os remeiros que empezaron de nenos, pero outros xa acudiron de adultos e aprenderon a vogar en sesións como a de onte realizada en colaboración con +Deporte Atlántico. Hai remeiros por libre, moitos que chegan por amizade, e algunha familia na que os fillos seguen ós pais e, incluso, os pais seguen ós cativos. Paixón compartida.

Te puede interesar