Xosé Luis Boente: “Na actualidade, unha estrela non pode ir a rodar a unha carreira”

Xosé Luis Boente repasou a vida dentro do ciclismo profeional.
photo_camera Xosé Luis Boente repasou a vida dentro do ciclismo profeional.

“O primeiro contrato completo que tiven foi con Phonak en 2002 e sigo ata o día de hoxe", explica o osteópata do Lidl-Trek

Xosé Luis Boente (29 de abril de 1973) forma parte do Lidl-Trek de ciclismo. Unha formación reforzada que está entre as cinco primeiras do mundo e na que o de Ponteareas realiza as tarefas de osteópata.

 

 

Como afronta o equipo a tempada tras as fichaxes (Tao Hart, Milan, Bagioli, Konrad…) que fixeron?

Todo o mundo espera moito de nós co novo patrocinio de Lidl, que puxo moitos cartos, e chegaron as modificacións a todos os niveis. Tanto de corredores, como de directores, de xente de datos, nutricionistas… O cambio é moi grande e esta tempada, ó chegar á concentración de decembro, quedamos impactados. Alí había máis de 160 persoas entre o equipo masculino, o feminino e o de desenvolvemento. As expectativas son moi grandes, pero hai que darlle tempo ó traballo. A isto engádese que non temos unha figura como pode ser Roglic, Pogaçar ou Evenepoel. Eu son oesteópata e tamén o noto porque somos máis neste campo. Son o que máis días de traballo teño co equipo, pero xa temos un segundo e dous máis. Un belga que fai clásicas e outro que vai con Pedersen. Ó final, no meu campo tamén hai máis xente para poder cubrir as necesidades dun equipo de gran nivel. 

 

Falta esa gran figura, pero teñen a Tao, a Pedersen e a mozos que teñen moita proxección. 

Dentro das figuras do que podemos falar é Tao Geoghegan Hart, que é o líder, pero hai que ver como evoluciona dende a caída do Giro o ano pasado. Deume boa sensación. Despois está Mattias Skjelmose, que xa gañou en Suiza, a Ciccone, que é moi contrastado, e a Pedersen. Tamén está Simmons e chegou o sprinter Milan, que xa gañou en Valencia. Deixo atrás varios porque, a verdade, a xente que chegou é moi boa. O equipo fixo quinto no ránking World Tour o ano pasado e o salto debe ser chegar ó cuarto posto. Despois, loitar contra Visma, UAE e Bora vai ser moi complicado porque aí teñen a Vingegaard, Pogaçar e Roglic, que iso son figuras que están a un nivel superior. 

Parece que o equipo ten as ideas moi claras. 

Fálase que o proxecto é para cinco anos e a verdade é que polas charlas que tiveron con nós, nótase que é algo de futuro. Lidl parece que enténdese ben coa xente de Trek e crearon ese equipo filial para os rapaces. Ademais, no feminino, en lugar de incorporar a estrelas, tamén ficharon talento de futuro para levar a cabo ese proxecto a medio e longo prazo.

 

De feito, Trek foi das primeiras firmas que tivo claro que había que facer un equipo feminino ó mesmo nivel que o masculino. 

É dos poucos, creo que tamén Education First, que está totalmente integrado. Fan as concentracións cos nós, teñen a mesma roupa, o mesmo material, as mesmas probas… Todo integrado e teño falado coas ciclistas e, a verdade, están moi contentas porque ademais protexen moito a maternidade ó prorrogar o contrato e cubrir todo. Aí nótase a igualdade.

 

Como é o día a día?

Eu teño clínica aquí en Ponteareas, pero fundamentalmente traballo co equipo. Son 130 días ó ano e se teño que facer algo máis se fai. Este ano, seguramente tamén farei algo de bicicleta de montaña porque o equipo está integrado en todo o proxecto. A tarefa é previr lesións nun traballo integrado con outros campos a través dunha terapia olística integral a nivel mecánico, visceral e reflexo. E, cando hai algunha lesión, traballar entre todos para que a recuperación sexa o máis rápida posible.

 

O difícil chega cando hai unha caída en carreira. 

A día de hoxe, está moi estruturado dende os test de pretempada todo para saber cales son as carencias dos corredores e as zonas que pode sobrecargar e ter lesións. Nós temos ese dossier do corredor e xa temos un avance notable para axudar a que non veñan os problemas. E, despois dunha caída, a nivel psicolóxico e de traballo manual, cando máis avance na recuperación é mellor. Curar é difícil porque unha caída en competición hai que ter a sorte de que non sexa grave como para enviar ó corredor a casa e, despois, axudar para avanzar a recuperación. Traballamos moito o tecido conectivo para que poida estar o máis elástico posible e axude a todo o organismo a nivel mecánico e orgánico. 

 

Como é trocar de clínica cada día?

A día de hoxe, coas infraestruturas que creceron tanto, van tres ou catro persoas por diante ó hotel para que, ó chegar nós, está todo preparado coa camilla posta e comezamos a funcionar. Hai vinte anos, íamos tres médicos e dous mecánicos e, na actualidade, imos como mínimo catro masaxistas, un busero e un osteópata. E na parte dos mecánicos, van tres. Os directores, o médico, o de prensa… É un grupo incríble. Non ten nada que ver co de antes, no que tiñas o obxectivo do Tour e fóra. Agora, dende a saída da primeira carreira do ano, hai que render. A tope.

 

Isto provoca unha maior presión cos resultados. 

Dende o día 1 en Australia, o obxectivo é estar diante nas carreiras e sumar puntos. Gañar non é doado porque antes os ciclistas bos comezaban a correr en abril e, na actualidade, xa están gañando no Algarve ou no Gran Camiño. Isto é porque os orzamentos son máis grandes e unha empresa que pon 20 millóns de euros esixe moito máis que cando se poñían dous. E despois está a imaxe: unha estrela non pode ir a rodar a unha carreira. Os ciclistas van a competir dende o inicio, para prepararse xa están as concentracións. Temos a parte do equipo a correr en Valencia e esta semana outra parte xa vai a un ‘stage’ ó Teide. E estas concentracións son para chegar ó día da carreira e render ó máximo. A posta a punto está nestas reunións e van a elas con masaxista, cociñeiro, osteópata… Teñen todo para adestrar ó maximo e chegar á carreira ó 200%.

 

Vostede foi ciclista e tamén director. Dende o seu posto, pode gozar da parte máis deportiva?

Gústame moito falar cos directores e prepararme. Eu estou no ciclismo porque son apaixonado disto. Cheguei a ser profesional no Santa Clara, despois director e sempre queda algo disto. E falando cos directores sempre preguntan cousas por ese pasado de director. Pero é verdade que, nos últimos anos coa muller e os fillos, custa máis saír da casa. Antes facía case 200 días fóra e agora ando en 130 ou así. Xa teño unha filla con dez anos e queres gozar da familia. Desfruto moito do traballo e, a verdade, cando estou na casa na consulta, xa traballo moi pouco. E, despois, un equipo destes como o Trek xa obrigan a estudar idiomas para expresarte ben. Dentro do meu campo, a osteopatía, tes que seguir formándote para mellorar día a día o tratamento. Agora estou rematando o cuarto curso pola Universidade Europea. É necesario para seguir á última. 

 

Como chega a ese posto?

Xa como xuvenil comecei cos cursos de director e, ó desaparecer o Santa Clara, cheguei ó Pescanova con 23 anos e reflexionas. Ser profesional non é doado e eu era un corredor que facía todo o mellor posible, pero tiña un nivel xusto. E apareceume a opción de ir co Augas de Mondariz de masaxista. Sabía pouco, pero algo dunha lesión dura pola que pasei con 17 anos. De feito, viña de facer unha formación profesional de electricidade. Comecei con Santi, que é de Padrón e estaba en Porcelanato. Formoume un pouco, fixen varias carreiras do Mondariz e, pouco despois, entrei no Porcelanato con Santi, precisamente. E así entrei. Despois púxeme a estudar e, ó mesmo tempo, facía de director cos júnior do Ponteareas. Ese foi o meu inicio. Continuei por ese camiño e o paso seguinte foi cando Álvaro Pino entrou en Phonak e chamoume. Foi o meu primeiro contrato profesional en 2002. A partir de aí, co masaxe vin que tiña certa limitación e seguín por ese camiño e fun cara a osteopatía. O mesmo equipo animoume ata o punto de pagarme os estudos e os rematei xa cando estaba no Xacobeo. E ata hoxe.

Te puede interesar