Con bastón de mando

Leticia Santos, alcaldesa de Moaña: "O desenvolvemento sustentable é imparable, pero non sen valorar o custe"

A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos visitou o set de Atlántico TV.
photo_camera A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos visitou o set de Atlántico TV.
A rexidora do BNG leva dous mandatos nun goberno en coalición co PSdG que deu cancelado a débeda financeira

Leticia Santos Paz (Moaña, 1985) está a piques de rematar o seu segundo mandato ao fronte do Concello de Moaña. Candidata do Bloque Nacionalista Galego, encabezou a lista máis votada e forma parte dun goberno en coalición co PSdG, de Marta Freire. Santos visitou o set de Atlántico TV para facer balance dos últimos anos.

 

 

Oito anos dan para moito, como se materializaron en Moaña?

En Moaña as cousas van indo ben. Temos boas noticias, estamos nun ano moi emocionante. Acabamos coa débeda financeira 13,2 millóns de euros e sen deixar facer cousas e sen subir impostos. É moi importante porque isto nos permite afrontar un maior ritmo a transformación, asumindo investimentos como o auditorio ou as vivendas de alugueiro social en Elisa de la Peña González, rúa onde a Xunta nos van construír o noso centro de saúde. Tamén poderemos seguir avanzando na segunda escola infantil municipal, queremos ser un referente de conciliación para as familias.

Como foi a experiencia do goberno en coalición?

Gobernamos en bipartito man a man co PSdG e teño que por en valor o compromiso de Marta Freire, a tenente de alcalde. Soubemos facer forza no diálogo para sacar adiante os intereses da veciñanza. Ese xeito de gobernar favoreceu un goberno sólido e estable que a veciñanza entende como tal.

Falaba antes da concesión do novo centro de saúde e veñen de anunciar unha maior frecuencia no autobús co Cunqueiro e o Meixoeiro. Está ben cuberto servizo sanitario?

Fixemos unha solicitude á Xunta para solventar os problemas que nos trasladan o persoal sanitario. Para chegar a tempo ao traballo nos hospitais,  parece que van poñer unha liña directa na quenda da mañá. Iso non foi o que pedimos, tamén é importante cubrir o servizo para a quenda de tarde dos traballadores ou para que os veciños poidan ir ás citas médicas como as de radioterapia no Meixoeiro, que se consultan tamén pola tarde. Vemos con bos ollos a resposta, pero falta unha parte, entendemos que Moaña merece un servizo máis directo.

Sen competencias en transporte, como é a mobilidade sen vehículo propio con outras vilas?

Temos a gran sorte do ter o transporte de Ría, é directo e moi cómodo, déixanos no centro da cidade, aínda que existen algúns problemas de interconexión. Por estrada, as vilas de menos de  50.000  habitantes non temos as competencias en transporte e moita veciñanza  utiliza os autobuses Cangas-Vigo ou Canga-Pontevedra como liña regular dentro da propia vila dende Tirán a Domaio. No Concello estamos sempre vixiantes para que esa frecuencia responda ás necesidades dos veciños. Os festivos e os fins de semana redúcense e non hai nocturno. Esto afecta en situacións como para o traslado unha urxencia. Levamos mobilizados 68 semanas para que nos devolvan o noso PAC, que coa pandemia se trasladou a Cangas. Se un veciño ten unha urxencia de noite e ten que ir ata Cangas supón un desembolso económico que non todos poden asumir.

Lograron reducir o tránsito polo centro da vila, que medidas foron precisas?

Temos unha política de mobilidade, onde o primeiro é a seguridade das persoas e que sexa sustentable, favorecendo  o traslado a pé ou en bicicleta sen ter que usar o vehículo sempre que non sexa necesario. Hai un vial dende Meira ao centro de Cangas coa conexión do paseo marítimo e a través do Camiño Real, unha intervención que ten o recoñecemento do COAG como proxecto ecolóxico e foi finalista na Bienal Iberoamericana de Arquitectura. É unha senda marabillosa, un itinerario seguro que conecta os dous centros urbanas, uns 10 quilómetros con prioridade peonil reciclable.  Vamos a seguir estendendo a rede máis alá de San Bartolemeu, conectando con Domaio coa senda peonil. 

E como concello da Ría, que opina do proxecto eólico mariño diante de Cíes?

O desenvolvemento sustentable é imparable e debe selo, pero non se pode xerar enerxía, sen valorar os custes ambientais destes macroparques. O sector do mar segue a ser estratéxico para Moaña e do que vive a maioría da poboación. Que non se teña en conta o impacto é moi preocupante. Estamos de acordo cos eólicos mariños impulsados como obra pública, onde prima o tema ecolóxico e o reparto xusto dos beneficios. Apoiamos a plataforma de Morrazo, eólicos, así non. É unha ameaza para os acuíferos e a riqueza ambiental dos montes. O 60% do noso consumo procede de Eiras e un 40% é de autoabastecemento grazas aos depósitos no noso monte, proxectos desa envergadura poden ter consecuencias moi graves. Pedimos sensatez porque se están  poñendo por diante outros obxectivos que non son os ambientais.

Que proxectos quedaron para un seguinte mandato?

Cando chegamos ao concello no 2015, podemos dicir que estaba en quebra, con 10 millóns de orzamento, tiña 13,3 de débeda financeira. Conseguimos solucionalo e corrixir esa dinámica permitiunos afrontar proxectos cada vez maiores. Acabamos en posición de poder asumir investimentos maiores con subvencións e con recursos propios. Como dixen antes, o auditorio, as vivendas de alugueiro social a segunda escola infantil municipal, pero tamén a continuación do paseo da Seara, a rehabilitación das carpinterías de ribeira para a súa musealización e poder presumir da nosa identidade, aumentar a mobilidade sustentable no barrio do cruceiro, un novo proxecto para San Bartolomeu e accións fundamentais en todo o término municipal que permitan a participación da veciñanza na toma de decisións. Os nosos proxectos son sustentables economicamente e feitos dende unha perspectiva de igualdade e feminista, priorizando a perspectiva social, todo o que facemos é porque queremos que Moaña sexa o mellor lugar para vivir, que a veciñanza teña futuro; todos son recibidos a formar parte do noso concello. Non podo estar máis orgullosa da miña veciñanza, é unha sorte gobernar Moaña.

Te puede interesar