Yolanda Castaño: "Pronunciar as cousas é o primeiro paso para solventar o conflicto, nomealo é visibilizado"

Yolanda Castaño, onte no acto “Traga”, celebrado no Marco.
photo_camera Yolanda Castaño, onte no acto “Traga”, celebrado no Marco.
Con cinco creadoras máis (Chus Pato, Silvia Penas, Lorena Souto, Blanca Trigo e Ana Xesto) analizaron a violencia de xénero e o rol social que se lle atribúe a muller

Poeta e xornalista, a comunicadora Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977) coordinou onte en Vigo a performance poética “Traga” que abriu a programación do #25N, organizada dende a Delegación do Goberno. Con cinco creadoras máis (Chus Pato, Silvia Penas, Lorena Souto, Blanca Trigo e Ana Xesto) analizaron a violencia de xénero e o rol social que se lle atribúe a muller, situación sobre a que falou para Atlántico TV unha vez finalizado o acto.

Na súa intervención invitou a abrir debate a partir do recital. Cal é o papel social que xoga a poesía?

Temos un tipo de pensamento moi lingüístico, moi baseado nas palabras. So existe aquelo que se visibiliza, hai anos non se falaba da saúde mental, do bulling e tampouco da violencia machista. Darlle nome, pronunciar as cousas é o primeiro paso para solventar o problema, nomear o conflicto é visibilizalo. A poesía traballa coas palabras, subverte a orde da linguaxe ordinaria, promove novas ordenacións entre esas palabras que nos permita poñer os carreiros doutro xeito máis hospitalario para todas.

Mais o feito poético tamén ten mudado nos últimos anos.

Dende logo. Estamos en 2023, hai que vivir cos tempos, deixar  que poesía a arte evolucione igual que a ciencia. Non operamos con técnicas do século XVII, se estamos á última nas ciencia, tamén na arte temos que seguir explorando, ser pioneiras, rachar co típico, coas asociacións máis comúns de palabras, coas  fórmulas máis clásicas, abondando na linguaxe máis contemporánea.

 As mulleres de “Traga” levan anos loitando contra a desigualdade. Como mudou o panorama?

Vanse facendo avances. É certo que algunhas que levamos 30 anos traballando lembramos  cousas que hoxe en día serían impensables, por exemplo  a descrédito e a fribolización do noso traballo cando comezabamos. Agora serían un tanto desprestixiado eses tipo de actitude de menosprezo ás mulleres. Queda moito por facer. Igual un 30% de presenza feminina nas letras hai a quen lle parece demasiado. Aínda é moito menos que a dos homes, pero o xeito de chamar a atención segue a ofender a algúns. 

No acto repasaron os distintos tipos de violencia contra a muller, tamén os menos evidentes como a a postura ante a maternidade.

Creo que se so lexitimamos unha das opcións que libremente ten a muller, ser ou non ser nai, non permitimos esa liberdade. Cando se colocan todas esas expectativas no horizonte de posibilidades de xeito tan opresor estamos coartando a toma de decisións. Seremos libres cando tódalas opcións sexan referendadas e lexitimadas pola sociedade, cando os coidados e a as crianzas se repartan de maneira igualitaria con pai. 

Veñen de recoñecer a súa traxectoria co Premio Nacional de Poesía. Outro exemplo da calidade das letras galegas?

Son case 30 anos de traballo, dunha andaina nas letras de xeito moi demorado, pouco a pouco. Cada paso levou moitos anos en si mesmo. O premio chega  despois de todos eses pasos que din acompañada de todo un colectivo, a comunidade de quen escribe  poesía en galego e asina en feminino. Parece que imos recollendo froitos. Son dunha tradición secular antiquísima e moi valiosa como o destas mulleres que actuaron aquí. O nivel da calidade da poesía galega está moi alto e neste caso tocoume ser o botón de mostra.

Te puede interesar