Ana Miranda: “Votaríase máis nas eleccións europeas se a xente fose consciente do seu impacto no día a día”

A eurodeputada Ana Miranda no set de Atlántico TV.
photo_camera A eurodeputada Ana Miranda no set de Atlántico TV.

A viguesa Ana Miranda (1971) é deputada no Parlamento Europeo polo BNG por terceira lexislatura, dentro do grupo parlamentario Os Verdes-Alianza Libre Europea. Nas eleccións de 2019 foi no carto posto de Ahora Repúblicas, coalición do BNG con ERC e Bildu, entre outros. A candidatura obtivo tres deputados, e o representante de Bildu cedeu o seu escano o pasado ano.

O Europarlamento ten más de 700 deputados de 27 países. Supón un reto levar os temas que afectan a Galicia?

Eu son eurodeputada galega polo BNG, que represento aos intereses galegos no Parlamento Europeo, que defendo as cuestións da nosa terra, do noso mar e da nosa vida, pero ao mesmo tempo tamén formas parte dun grupo parlamentario e tamén dunha idea dunha Europa diferente, que non está dando unha resposta real aos problemas da xente. Polo tanto nós temos unha visión tanto de levar os temas galegos, como unha visión de esquerdas e tamén de levar problemas humanitarios doutras partes do mundo.

Require moito traballo de buscar alianzas?

Si, hai que buscar alianzas para que se aproben determinadas normativas, pero tamén hai que estar cunha posición moi clara do que se leva alí e do que se defende.  En materia de pesca tes que facer alianzas tamén con determinados deputados doutros territorios.

As eleccións ao Parlamento Europeo acostuman a ter menos participación. Cree que se valora o suficiente a súa importancia?

Nós creemos que cando a xente sexa consciente da importancia que teñen os temas da política europea na súa vida, dende o que vestimos, o consumo da luz o que comemos, lle dará máis importancia  a ter representación no parlamento europeo e a que haxa alguén que defenda as nosas problemáticas, demandas, intereses económicos e sociais como pobo. O que pasa é que as eleccións europeas están consideradas como menores, e sen embargo é onde máis se lexisla e onde máis nos afecta.

No último ano houbo moitas tensións entre a Comisión Europea e o sector pesqueiro. Que capacidade ten o Parlamento para intervir?

A Comisión Europea está lexislando e tomando decisións de costas ao sector pesqueiro, e sobre todo ao galego, un sector moi competitivo, con moita capacidade, que ademais inflúe no mercado e da de comer a moita xente. E en lugar de poñerse a favor do sector, o que favorece é as grandes flotas do norte. Non teñen nin idea do que está pasando na pesca e no marisqueo galego. Por iso levamos moitas delegacións alí. A Comisión ten que ver que aquí hai unha problemática distinta que afecta a moitas vilas costeiras, fábricas, a  un sector moi importante. O que fai e ir a escoitar soamente unha parte sesgada, a sustentabilidade ambiental. Hai outra sustentabilidade económica e social que tamén debe ser tida en conta. O Parlamento Europeo ten moita decisión. Primeiro, é colexislador en acordos pesqueiros, na Política Pesqueira Común, por eso lle estamos pedindo ao comisario Sinkevicius, que é un comisario anti pesca, que escoite ao sector. É unha cuestión de descoñecemento e vontade política, porque hai unha vontade política de destruír o sector pesqueiro galego para deixar que entren as importacións.

Estas cuestións xeran roces ou discrepancias cos Verdes?

Non, nós temos unha posición dentro do grupo. Formamos parte do grupo parlamentario Verdes-Alianza Libre Europea, somos parte desa alianza, pero o BNG unha vez entra nese grupo ten unha posición única en materia de pesca, é dicir, libre. A pesar de todas as parvadas e invencións que di o PP, que me dedica máis tempo a min no Parlamento Galego que as propostas que fai en pesca. Tamén hai moitas diferencias por delegacións no PP europeo. Hai que ter máis rigor nese debate.

En Bruselas trátanse moitos temas internacionais. Considera axeitada a resposta de Europa ante a guerra en Ucraína?

A nosa primeira preocupación é evidentemente unha postura antibelicista e tamén que hai un problema humanitario grave. Dende o primeiro momento dixemos claramente que se condenaba a agresión, pero hai unhas consecuencias económicas moi graves en Europa, como a subida dos prezos. Tamén vemos que hai que buscar saídas de paz, que ademais teñen unha repercusión non só na desgracia que está causando en Ucraína, senón para a vida de tantos europeos e galegos que ven como seu peto vai diminuíndo. Non consiste en incrementar o gasto militar senón buscar medidas de pacificación como tamén están chamando algúns países do mundo.

Este ano foi deportada por Israel cando formaba parte dunha delegación do Parlamento. Como valora a resposta dende Bruselas?

Eu formaba parte da delegación de relacións con Palestina do Parlamento Europeo, que tiña unha misión oficial que iba a Palestina, pero para entrar hai que ir vía Tel Aviv, porque Israel non permite unha entrada vía Palestina. A miña sorpresa foi que indo nunha delegación oficial como eurodeputada me reteñen nove horas no control da fronteira e din que non podo pasar por alusión a que fora nunha flotilla humanitaria de Europa en 2015, cando esa decisión estaba caducada. Foi unha afrenta ao Parlamento Europeo, non a min ou ao BNG. Reuninme varias veces coa presidenta do Parlamento, Roberta Metsola, e ela transmitiulle a queixa a Israel e están en trámites de ver se me levantan ese veto.

Como se leva ir dun sitio a outro, de Bruselas a Estrasburgo, de volta a Galicia?

Eu lévoo ben, estou afeita e ademais é parte do traballo, é como para un camioneiro que ten que ir a algún sitio ou como quen se despraza de Vigo a Coruña para traballar. É o que me tocou. O que si que quero dicir alto e claro é que as comunicacións dos aeroportos galegos están mal e que Aena está deixando uns aeroportos con moi poucos servizos.

O ano que ven volve haber eleccións. Gustaríalle seguir en Bruselas?

Eso non me corresponde a min dicilo. Terá que decidilo o BNG. Eu estou facendo o traballo co noso equipo o mellor que podamos e loitando para que os temas galegos sexan vistos, para defender o que pediron 175.000 electores e estar aí con coherencia, sempre sen cambiar e loitando. 

Te puede interesar