Xela Arias, mestra: conexión coas novas xeracións

Mural de Xela Arias, en Sarria.
photo_camera Mural de Xela Arias, en Sarria.

A figura de Xela Arias enlaza directamente cos principais retos aos que se enfronta a lingua galega: a adaptación aos novos tempos e formatos, a súa visibilidade no panorama internacional e a súa conexión coas novas xeracións.

É por iso que o papel da autora no mundo editorial, pioneira á hora de traducir os grandes clásicos da literatura ao idioma propio e a súa vocación de actualización en constante contacto cos máis novos a través da docencia, foron claves para a súa elección como homenaxeada este 17 de maio.

A escritora decidiu deixar os estudos con apenas 18 anos, un cambio de dirección que supón un exemplo da súa rebelión contra os itinerarios preestablecidos, o seu afán de autonomía e de levar ela mesma as rendas da súa vida. Poucos despois de renunciar aos exames de COU integrouse no equipo promotor do proxecto emerxente de Edicións Xerais de Galicia baixo a batuta do seu fundador e entón director, Xulián Maure.

O presidente da Real Academia Galega e exdirector de Xerais, Víctor Freixanes, destacou que se trataba de “unha época moi ilusionante”, na que Xela decidiu implicarse “ao redor deste proxecto de construción do país” no que desenvolveu “un traballo magnífico”, practicamente “como unha das directoras desa orquestra” e coa vontade de potenciar e situar o sistema literario de Galicia no mundo.

“Naquel momento a editorial estaba a nacer, necesitaba xente, persoal... e Xela acababa de terminar o equivalente entón a bacharelato e díxolle aos seus pais que non quería seguir estudando. Ao principio empezou facendo un pouco de todo, sobre todo facturas dos pedidos, había moitos polo tema do libro de texto, que entrou con forza en Xerais. E de aí aos poucos pasou a ser correctora de estilo, revisora e correctora de textos...”, sinalou, pola súa banda, o actual director da editorial, Francisco Alonso.

A pesar de abandonar o sistema educativo, a nova autora contaba cunha importante capacidade en gran medida polo seu pai, o docente e escritor Valentín Arias, unha icona “fundamental” na normalización lingüística.

Arias era “moi meticulosa” e exercía o seu papel “con moitísimo rigor”, por iso é polo que en pouco tempo asumiu novas responsabilidades no ámbito editorial e sobre todo na tradución. A autora encargouse de levar ao galego grandes obras da literatura universal de James Joyce, Roald Dahl, Angela Carter, Bram Stoker ou Baudelaire, iniciativas como a “colección Xabarín”, “Grandes do noso tempo”, “Xerais Universitaria” ou “Biblioteca de Autores Galegos”.

A visión de Arias partía do obxectivo de incentivar a lectura no idioma propio a partir dos grandes clásicos. A autora estaba convencida de que a dispoñibilidade de obras que ata ese momento eran accesibles unicamente en castelán permitiría atraer a novos lectores, e especialmente entre os mozos.

“Traballa nos 80 e nos 90, cando se estaba construíndo toda a base do edificio da oferta literaria editorial, sobre todo para as novas xeracións”, lembra Freixanes. Galicia non contaba entón coa nómina de autores “tan enorme” coa que conta hoxe en día, especialmente para un público xuvenil, engade Alonso. A poeta situouse como unha das pioneiras na profesionalización da edición e da tradución.

En paralelo tanto ela como o resto de profesionais e autores formaron parte dun momento transcendental: a fixación dunha norma ortográfica para o galego. “Estivo dous anos traballando practicamente sen unha orientación mínima”, sinala Francisco Alonso, salvo por unhas bases ortográficas "que servían un pouco de guía" para o día a día, ata que se publicou finalmente a normativa no 82.

Arias exerceu un traballo “complexo” para coidar os textos e defendeu a necesidade de fixar ese canon ortográfico para o idioma nuns “tempos difíciles e "duros. A fixación da norma foi moi polémica. Supón a elección dun estándar e iso sempre crea discrepancias. E nunha situación na que a lingua non estaba normalizada, crea moitas suspicacias”, engade Alonso.
A autora era moi coidadosa co tema lingüístico, como parte dese afán por profesionalizar a edición a través dese diálogo cos textos. É por iso que realizaba moitas propostas e suxestións aos autores, que en ocasións "chegaban a enfadarse".

Ensinanza

Tras dez anos de traballo, Arias decidiu retomar os seus estudos, en concreto Filoloxía Hispánica na Universidade de Vigo (no 91) e posteriormente Galego-Portugués. Foi entón cando coñeceu as que serían tres das persoas máis importantes da súa vida: as súas compañeiras na facultade Mónica Soto, actualmente profesora no IES Castelao de Vigo; Ana Iglesias, docente da UVigo, e Clara Pino, docente e artista.

Iglesias lembra como a viu nos corredores do centro e que, a través de falar e contarse as súas vivencias, empezaron a forxar unha amizade que se estendería máis aló dos anos da carreira, a pesar da distancia xeracional que había entre elas.
“Ela tiña un estilo de vida e unha experiencia que non tiñamos. Falabamos de literatura, da vida, a actualidade... Tiña moi claro desde que quería dar clases e non volver a Xerais a tempo completo”, sinalou. Aínda lembra cando Arias a chamou para falarlle da súa primeira substitución como docente, no IES Terra de Xallas de Santa Comba, unha experiencia que lle convenceu aínda máis na súa vontade de ser profesora.

“Sempre conectou moi ben co alumnado. Gustáballe moito estar en contacto coas novas xeracións, ter acceso a outras visións da vida diferentes, de xente máis nova”, engadiu.

Te puede interesar
Más en Día das Letras Galegas